A mitoloxía galega é o conxunto de mitos máis ou menos relacionados (ou mesmo sen conexións entre si): relatos que forman parte da cultura tradicional do pobo galego. Poden vir a través de discursos, narracións ou expresións culturais de orixe sagrada e que posteriormente foron secularizados, ou ben ser de orixe pagá que posteriormente foron sacralizados. En todo caso, os relatos mitolóxicos están tratados como discursos relativos a esta cultura, a unha época concreta ou indeterminada ou a unha serie de crenzas de carácter imaxinario.
Descrición
Os mitos son relatos baseados na tradición, creados para explicar a orixe do mundo e do universo (cosmogonía), da humanidade e dos Deuses (teogonía), ou ben de diferentes fenómenos naturais e calquera outro concepto para o que non houbera unha explicación simple (mitos etiolóxicos). Os mitos son importantes para a visión do mundo da comunidade que os creou e os transmite. As diferenzas coas lendas e cos contos non están claras e moitas veces son moi sutís: as lendas pretenden ser relatos verídicos, localizados nun lugar e época máis ou menos definidos e con intención didáctica; os contos narran feitos ficticios (e se pretensión de ser cridos) e adoitan ter unha finalidade lúdica, de entretemento dos oíntes. Esta función social resulta máis relevante que os aspectos formais.
Porén, non todos os mitos teñen por que ter este propósito explicativo. A maioría deles están relacionados cunha forza natural ou cunha deidade, pero moitos son simplemente historias e lendas que se foron transmitindo oralmente de xeración en xeración.
Seres míticos galegos
Os seres míticos galegos son moi diversos e de difícil categorización. En primeiro lugar pódense citar os personaxes que pertencen ás "razas míticas":
Por outra banda temos os seres que, aínda tendo aparencia humana ou semihumana, están dotados de características, poderes ou calidades que os achegan ou igualan aos sobrenaturais:
Cabe diferenciar tamén aqueles personaxes da mitoloxía clásica (grega e romana), celta ou carolingia que diferentes autores recuperaron, principalmente desde o século XVIII, para explicar e ennoblecer a fundación de cidades galegas, aínda que sen base histórica ningunha.
E outro grupo de entes concretos persoais, como os anteriores, que aparecen nas lendas e nos contos populares, marabillosos ou non, e que quizais sexan supervivencias de cultos antigos:
Por outra banda, tamén poden adquirir propiedades míticas certas plantas, sexan reais (carballo, a herba de namorar ou o loureiro) ou imaxinarias (a Flor de Santo André, a Flor do Lirolai[1] ou a Herba Cabreira[2]).
Xeografía mítica galega
Numerosos mitos céntranse en explicar distintos fenómenos da natureza:
Crenzas relacionadas co sol, a lúa, as estrelas, as eclipses etc.
Crenzas relacionadas cos montes, penedos, masas de auga (fontes, ríos, lagoas, mares), covas etc.
Crenzas relacionadas cos catro elementos fundamentais: a auga, a terra, o aire e o lume
Mitoloxía cristiá
Os etnógrafos discuten sobre a inclusión entre os seres míticos de entidades como Deus (ou a Virxe, os anxos e arcanxos, os santos etc) e o Demo (e mailos chamados demos menores: trasnos, trasgos, tardos etc). O certo é que moitos santos son puramente imaxinarios (ou cunha biografía e martirio claramente magnificados), ata o punto de que a propia Igrexa rematou por eliminar algún deles do santoral.[3]
↑Estas dúas flores son quen de resucitar a quen se toquen con elas.
↑A herba cabreira é unha planta fabulosa e máxica coa que se conta que as anduriñas son quen de chocar os ovos. Parece ser que hai o costume, para conseguir esta herba, de coller os ovos do niño, cocelos e volvelos a poñer, na seguridade de que as anduriñas virán coa herba. A herba cabreira pode flotar no río a contracorrente e e tamén se di que pode curar o meigallo (Eladio Rodríguez, s. v. herba).
↑O Concilio Vaticano II aprobou, entre outros documentos, o Sacrosanctum Concilium, que buscaba modernizar a liturxia católica. No punto 111 acórdase reservar a toda a igrexa católica só aqueles santos de relevancia universal, e deixar outros -que non o sexan- para igrexas particulares, nacións ou familias relixiosas. En 1969, Paulo VI aprobou o novo Calendario Xeral Romano (actualmente -2024- en vixencia), onde xa non constaban numerosos santos, como San Cristovo, San Valentín, Santa Bárbara ou San Xurxo.
Antonio Reigosa ed., Noemí López ilustr. (2020): Guía de campo da Galicia Encantada. Dos seres míticos e dos lugares que habitan. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9121-646-9.
Antonio Reigosa e Neira Brochs (2020): Cen historias máxicas pola Mariña encantada. Viveiro: Libros LAR. ISBN 978-84-9493-086-7.