Mimetismo

Mimese entre un Ctenomorphodes chronus e unha póla de eucalipto.

O mimetismo[1] é unha habilidade que posúen certos seres vivos para semellarse a outros organismos (cos que non garda relación) para obter unha vantaxe funcional.

O obxectivo do mimetismo é enganar os sentidos do resto dos seres vivos que conviven no mesmo hábitat, inducindo neles unha determinada conduta.

Os casos máis coñecidos afectan á percepción visual, pero tamén hai exemplos de mimetismo auditivo, olfactivo e táctil.

Mimetismo e cripse

Mimetismo e cripse non son o mesmo, aínda que moitas veces danse ambos os casos á vez. O mimetismo consiste en parecerse a outro ser vivo, mentres que na cripse ou camuflaxe o ser vivo trata de parecerse ao medio que o rodea.

Moitos Ortópteros (orde Orthoptera) e algúns fásmidos (orde Phasmatodea) tropicais parecen follas, o mesmo que algunhas bolboretas. O aspecto típico dos Phasmatodea (insecto pau) é o dunha rama ou palla, por exemplo.

Aposematismo

En moitas ocasións coinciden cripse e aposematismo (sinais de advertencia. É o caso de animais inofensivos que adoptan os trazos de advertencia doutros perigosos. Un exemplo son algunha ourugas que presentan ocelos espectaculares, manchas pares concéntricas que imitan a un par de ollos abertos.

Automimetismo

É unha forma de mimetismo na que a parte do corpo dun animal se mimetiza con outra que resulta máis vulnerable, para así desviar o ataque dos depredadores cara ás partes menos vulnerables do corpo e así poder escapar e sobrevivir. Os exemplos máis claros danos certos tipos de bolboretas e peixes que presentan manchas en forma de ollos (ocelos) nas ás e na cola, respectivamente, que asemellan a cabeza do animal, a parte máis vulnerable e onde os seus depredadores tende a atacar. Como estas partes son menos vulnerables que a cabeza, o animal pode escapar e sobrevivir. Porén, este mimetismo non foi moi probado, xa que unha cousa é o observador humano, e outra a vista de certos depredadores que poden percibir a luz ultravioleta. É por tanto, que outros científicos cren que a verdadeira función dos ocelos nas bolboretas e nos peixes é imitar os ollos doutros animais que resultan máis perigosos, tanto para o depredador como para a presa, para así asustar ao depredador. Neste caso, sería un exemplo de mimetismo que pode ser do tipo mülleriano ou batesiano.

Mimetismo batesiano

Henry Walter Bates observou que en ocasións unha especie inofensiva asemellábase a outra perigosa ou repugnante e con isto consegue eludir a acción dos depredadores. Chámase mimetismo batesiano a este fenómeno. É o que observamos, por exemplo, no caso das moscas (da familia Syrphidae e Bombyliidae) cuxo aspecto semella os das abellas e vespas. No grupo dos vertebrados existe un grupo de serpentes de coral, moi velenosas, imitadas na composición dos seus cores por unha falsa coral totalmente inofensiva.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para mimetismo.