O mazarico chiador[2][3] (Numenius phaeopus) é unha ave limícola da familia das Scolopacidae.
Morfoloxía e hábitos
Especie moi similar ó mazarico real, aínda que máis pequeno que este. Ten unha lonxitude de 41 cm e chega a pesar os 500 gramos. O peteiro (6–9 cm) é algo máis curto, con menos curvatura e algo máis groso que o do mazarico real. A súa envergadura oscila entre os 78–88 cm. Na cabeza ten dúas raias de cor marrón que poden ser moi marcadas, dependendo do individuo. Machos e femias non presentan diferenzas morfolóxicas.
Existe a subespecie hudsonicus, propia do Norte de América, caracterizada polo extremo das ás de cor negra.
É unha ave gregaria que a miúdo convive con outras limícolas. O seu hábitat natural son os terreos anegados, a tundra e os areais e zonas rochosas costeiras. Aliméntase de insectos, caracois, crustáceos e, no outono, tamén bagas silvestres.
Reprodución
A femia fai o niño no chan e pon catro ovos, que incuba durante 27-28 días. Os polos voan ás 5-6 semanas.
Distribución
Durante a época de cría (maio a xullo) localízase en Islandia, Escandinavia, noroeste de Rusia e nos países bálticos. No inverno pódese atopar con frecuencia en toda a costa ibérica (incluída Galicia e excluída a costa do Levante) e a costa de Marrocos.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Romay Cousido, Cosme Damián; Fontoira García, Antonio; Martínez Sabarís, Emilio; Ramos Martínez, Atocha: "100 aves comúns do concello de O Grove e áreas veciñas". Editado polo Concello do Grove, 2009.
- Svensson, Lars; Mullarney, Killian; Zetterstïons, Dan: Guía de aves: España, Europa y Región Mediterránea. Ediciones Omega. (en castelán)
- Nicolai, Singer, Wothe: Gran guía de la naturaleza. AVES. Editorial Everest. (en castelán)