Luigi Ciavardini, Valerio Fioravanti, Francesca Mambro e Gilberto Cavallini (membros dos Nuclei Armati Rivoluzionari), Paolo Bellini
Licio Gelli, Umberto Ortolani, Federico Umberto D'Amato, Mario Tedeschi (mandantes, organizadores ou financiadores, segundo as investigacións concluídas no 2020)
O masacre de Boloña (en italiano: Strage di Bologna), foi un atentado de natureza neofascista perpetrado o sábado 2 de agosto de 1980 ás 10:25, na estación ferroviaria 'Bologna Centrale', en Boloña. No atentado finaron 85 persoas e máis de 200 resultaron feridas. Trátase do acto terrorista máis grave acontecido en Italia após a segunda guerra mundial, ampliamente sinalado coma un dos derradeiros actos da "estrataxema da tensión".[1]
Como autores materiais foron identificados pola maxistratura algúns militantes de ultradereita, pertencentes aos Nuclei Armati Rivoluzionari (NAR), entre os cales se atopaban inicialmente Valerio Fioravanti e Francesca Mambro. Durante moito tempo os supostos autores intelectuais permaneceron descoñecidos, aínda que se detectaron conexións coa delincuencia organizada e cos servizos secretos desviados.[2] En 2020, a investigación da Fiscalía Xeral de Boloña concluíu que Paolo Bellini (ex Avanguardia Nazionale), executor xunto cos ex NAR xa previamente condanados, actuara en complicidade con Licio Gelli, Umberto Ortolani, Federico Umberto D'Amato e Mario Tedeschi, identificados como autores intelectuais, financiadores ou organizadores. Dado que todos estes últimos xa finaron, non se poderán executar accións xudiciais adicionais.[3]
As investigacións dirixíronse case de inmediato cara á pista neofascista, mais só após un longo proceso xudicial e numerosos intentos de afastar a atención, foron condanados Licio Gelli, Pietro Musumeci, Giuseppe Belmonte e Francesco Pazienza. A sentenza final de 1995 condanou a Velerio Fioravanti e Francesca Mambro "como membros do grupo armado que organizou e perpetrou o atentado de Boloña" e por "formar parte do grupo que organizou ese acto". En 2007 engadiuse a condena de Luigi Ciavardini, que aínda non acadara a maioría de idade no momento dos feitos, mentres que en 2020 se sumou tamén a de Gilberto Cavallini.[4]
Eventos
O atentado
Ás 10:25 do 2 de agosto de 1980, na sala de espera de segunda clase da estación de Boloña, ateigada de turistas e persoas que partían ou regresaban de vacacións, detonouse un artefacto explosivo contido nunha maleta abandonada, o que ocasionou o derrubamento da á oeste do edificio.[5] A bomba estaba composta por 23 kg de explosivos e unha mestura de 5 kg de trinitrotolueno e RDX, coñecida coma 'Composición B', potenciada por 18 kg de nitroglicerina.
O explosivo, de fabricación militar, colocouse nunha maleta colocada a uns 50 centímetros de altura sobre unha mesa de bagaxe, baixo o muro de carga da á oeste, co obxectivo de aumentar o seu efecto. A onda expansiva, amais dos cascallos orixinados pola explosión, golpeou ao tren 'Adria Express 13534 Ancona-Basilea', que neses intres atopábase detido na primeira vía, derrubando preto de 30 metros de marquesiña, así coma o estacionamento de taxis situado á fronte do edificio. A explosión causou o finamento de 85 persoas e deixou feridas ou mutiladas a máis de 200.
Os servizos de rescate
Activáronse decontado os servizos de rescate e moitos cidadáns, xunto cos viaxeiros presentes, outorgaron os primeiros auxilios ás vítimas e axudaron a rescatar ás persoas soterradas baixo os cascallos. A vía dereita dos bulevares que arrodean o centro histórico de Boloña, onde se atopa a estación, foi reservada para as ambulancias e vehículos de socorro. Por mor do gran número de feridos e da insuficiencia de medios para transportalos aos hospitais da cidade, os servizos de emerxencia empregaron tamén autobuses, en particular o da liña 37, automóbiles privados e taxis.
Co fin de brindar atención ás vítimas, os médicos e persoal sanitario retornaron das vacacións mentres os departamentos que estaban pechados, debido ás festividades de verán, abrían de novo para poder admitir a tódolos pacientes.[6][7] O autobús 37 tornouse, xunto ao reloxo detido ás 10:25, nun dos símbolos do masacre.[8] O corpo de Maria Fresu, unha das vítimas de vinte e catro anos de idade, xamais foi atopado. Só o 29 de decembro de 1980 se confirmou que algúns dos restos achados debaixo do tren con destino Basilea pertencían a Fresu, quen evidentemente, estaba tan preto da bomba que o seu corpo foi completamente desintegrado pola explosión.[9]
As manifestacións posteriores
Nos días seguintes, a céntrica Piazza Maggiore foi escena de impresionantes manifestacións de indignación e protesta por parte da poboación, nas que non se escatimou en críticas e protestas dirixidas aos representantes do goberno, que interviñeron no día do funeral das vítimas celebrado o 6 de agosto na basílica de San Petronio. Os únicos aplausos foron para o Presidente da República, Sandro Pertini, quen chegou a Boloña en helicóptero ás 17:30 do día do atentado e, visiblemente emocionado, declarou en presenza dos periodistas: «Non teño verbas, estamos fronte a acción máis criminal acontecida en Italia».