María San Gil Noain, nada en Donostia o 15 de xaneiro de 1965, é unha política española que desenvolveu o seu labor no País Vasco. Ex tenente de alcalde do concello de Donostia (1999-2002) e ex deputada no Parlamento Vasco. Foi residenta do Partido Popular do País Vasco, e desempeñou cargos de relevancia dentro da estrutura interna do Partido Popular. Está casada e ten dous fillos.
Inicios
Realizou o bacharelato no "Colexio Francés" desta cidade. Cursou estudos superiores en Salamanca, onde se licenciou na especialidade de Filoloxía Bíblica Trilingüe (linguas hebrea, latina e grega) na facultade do mesmo nome da Universidade Pontificia, onde impartía clase Carlos Carrete Parrondo.
Actividade política
Entre os anos 1991 e 1992 traballou como secretaria do Grupo Popular no Concello de Donostia. Posteriormente pasou a colaborar co Primeiro Tenente de Alcalde e Concelleiro Delegado de Urbanismo de San Sebastián, Gregorio Ordóñez, en calidade de asesora.
O 23 de xaneiro de 1995, cando comía con ela nun restaurante da cidade, Gregorio Ordóñez foi asasinado dun tiro na testa pola organización terrorista ETA, sendo condenado o membro de ETA, Francisco Javier García Gaztelu, alias "Txapote", a 30 anos de prisión.[1][2] Este feito produciu un cambio radical na dirección da súa carreira política, pasando á primeira fila da actividade política.
Durante a lexislatura 1995-1999 pasou a formar parte, como concelleira, do Grupo Popular do Concello donostiarra. Ó longo da seguinte, até marzo de 2002, desempeñou os cargos de concelleira delegada de Desenvolvemento Económico, Emprego e Comercio e de tenente de alcalde.
Tras o Congreso celebrado o 24 de xuño de 2000, foi nomeada Presidenta do Partido Popular de Guipúscoa. No 2003, converteuse en voceira do Grupo Popular no mesmo Consistorio. En xullo de 2004, por ser candidata a lehendakari polo Partido Popular do País Vasco, renunciou á súa acta de concelleira e simultaneamente abandonou a presidencia provincial desta formación.
Vicesecretaria do Partido Popular do País Vasco, en 2004, tras o XI Congreso Rexional, celebrado os días 5 e 6 de novembro, foi nomeada Presidenta do mesmo partido. Desde o XIII Congreso, (xaneiro de 1999), forma parte tamén do Comité Executivo Nacional.
Nas eleccións autonómicas do País Vasco en 2005, foi cabeza de lista pola provincia de Guipúscoa e realizou campaña como candidata a lehendakari. Tras estes comicios o PP perdeu a segunda praza tanto en número de votos como en escanos e converteuse en terceira forza política vasca, tras o Partido Nacionalista Vasco e o Partido Socialista de Euskadi-Euskadiko Ezkerra). Tras estes comicios ocupou o cargo que antes ocupara Jaime Mayor Oreja como Presidenta do PP do País Vasco.[3]
O 18 de abril de 2007, ó serlle diagnosticado un cancro de mama, apartouse temporalmente da actividade política; porén, o 2 de agosto do mesmo ano anunciou o seu regreso, asegurando que a súa enfermidade, trala intervención cirúrxica e o postoperatorio consecuente, tiña "un magnífico prognóstico, de recuperación do 100 %".[4][5]
Ideoloxía
Defínese como "filla adoptada" de Jaime Mayor Oreja. Frecuentemente polémica nas súas declaracións, defende os seus argumentos con contundencia e cre nunha vía de goberno alternativa ó nacionalismo vasco, ó cal considera excluínte e crispante.[6][7][8][9][10] Tras a derrota electoral, que supuxo o apartamiento de Mayor Oreja da política no País Vasco, segundo os opoñentes políticos de María San Gil, ela representa a corrente máis conservadora dentro do Partido Popular.[11]
En novembro de 2006 manifestouse pública e frontalmente en contra do diálogo do goberno de Rodríguez Zapatero con ETA.[12][13]
En decembro de 2010 manifestou que existían lagoas no 11-M.[14]
Notas