Marcus Cooper Walz, nado en Oxford o 3 de outubro de 1994, é un piragüista español que compite internacionalmente dende 2010. Foi unha vez campión do mundo, dúas veces campión de Europa e gañou dúas medallas olímpicas: un ouro en K-1 1000 metros en Río 2016 e unha prata en K-4 500 metros en Toquio 2020.[1]
Traxectoria
Nacido en Oxford dun pai británico e dunha nai alemá, a familia estableceuse en Mallorca cando Walz tiña 3 meses.[1] Gañou a súa primeira medalla internacional no Campionato Mundial de 2014 en Moscova, ao rematar terceiro en K1 500 metros. Dous anos despois logrou a prata mundial na mesma categoría, no mesmo ano en que se proclamou campión olímpico en Río 2016, esta vez nos 1.000 metros.
A partir do seguinte ano pasou a competir en K2 e K4. Proclamouse en 2017 campión de Europa en K4 1000m (xunto a Francisco Cubelos, Javier Cabañín e Iñigo Peña), campión do mundo en K2 500 (xunto ao galego Rodrigo Germade) e subcampión do mundo en K4 500 (xunto a Rodrigo Germade, Cristian Toro e Carlos Garrote). Xunto a Germade, Toro e esta vez con Saúl Craviotto, proclamouse campión de Europa en 2018 en Belgrado no K4 500, mentres que obtivo a medalla de prata no mesmo campionato en K2 500 formando parella con Germade. Tamén en 2018 gañou a prata mundial en K4 500, no campionato celebrado en Montemor-o-Velho. Repetiu resultado no Mundial de 2019 en Szeged, no equipo formado por el, Craviotto, Germade e Carlos Arévalo.
En marzo de 2021 logrou clasificarse para a proba de K4 500 m dos Xogos Olímpicos de Toquio 2020.[2] Na capital xaponesa, clasificáronse para as semifinais como primeiros da súa serie e metéronse na final ao acabar as semifinais tamén na primeira posición.[3] Xa na regata final, colocáronse na primeira posición dende a saída, pero foron adiantados nos metros finais pola piragua alemá, obtendo deste xeito a medalla de prata.[4] Un mes e medio despois proclamouse xunto a Germade, campión do mundo de K2 500, no certame celebrado en Copenhague, superando por menos dun segundo á embarcación alemá de Martin Hiller e Tobias-Pascal Schultz.[5]
Palmarés internacional
Notas