Manuel Barreiro Álvarez, nado en Baiona o 23 de outubro de 1880 e finado en Baiona o 13 de xullo de 1940, foi un militar condecorado coa Cruz Laureada de San Fernando, a Cruz de María Cristina e a Placa de San Hermenegildo e alcalde de Baiona dende o seis de febreiro de 1924 ata a súa dimisión en xuño de 1925. Foi nomeado fillo predilecto de Baiona en 2013, a título póstumo.
Traxectoria
Naceu nunha acomodada familia baionesa, iniciando os estudos no colexio de San Cosme e San Damián, e despois o bacharelato en Vigo, no colexio dos Xesuítas. Aos dezaoito anos ingresou na Academia Militar de Enxeñeiros de Guadalajara. A súa paixón pola aeronáutica fíxoo solicitar a realización dun curso de piloto de aeroplano. Saíu da escola de Aerostación de Guadalajara en 1905 con grado de tenente e pasou por varios destinos ata que en 1911 foi ascendido a capitán de enxeñeiros. Dous anos despois formou parte da primeira escuadra de aeroplanos que no mundo participou nunha ofensiva bélica, de ocupación española no norte de África.[Cómpre referencia] As súas operacións duraron entre o 3 de novembro e o 19, data na que el e o seu compañeiro de biplano, Julio Ríos, foron alcanzados e feridos de bala polo inimigo en Monte Cónico en Marrocos. Pese aos contratempos remataron con éxito a súa misión. Por isto lles concederon a Cruz de Primeira Clase de María Cristina. Un ano despois, nun acto no colexio dos Xesuítas de Vigo recibiría de mans do rei Afonso XIII a Cruz Laureada de San Fernando que xa fora concedida en 1922.
En 1924 o delegado gobernativo Gil de Arévalo preside o pleno municipal cesando o anterior alcalde José Martínez Barros por non ser elixido de forma legal. Tras o cesamento nomearon como alcalde a Manuel Barreiro Álvarez por unanimidade. O seu paso pola alcaldía baionesa foi breve. En xuño de 1925 presentou a súa dimisión por discrepancias con distintos concelleiros e a Xunta Local de Repartimento.
Véxase tamén
Outros artigos