A Manifestación Ciclonudista Mundial é un evento que se celebra anualmente en diferentes cidades de todo o mundo dende o ano 2004. Trátase dunha marcha de grupos de persoas que circulan espidos en bicicleta polas rúas, reclamando a atención dos cidadáns e dos medios de comunicación sobre as problemáticas propias dos ciclousuarios.[1]
Convocatoria
A mensaxe que pretende transmitir a Manifestación Ciclonudista Mundial ten cambiado dende o seu comezo ata hoxe. Ao principio tratábase dunha protesta pola dependencia do petróleo e celebrando a individualidade do corpo humano. A partir do 2006 a consigna da convocatoria pasou a ser a promoción do uso da bicicleta. Aínda que a manifestación se nutre da participación de persoas provenientes de círculos nudistas, non está orientada a promover o nudismo directamente. A Manifestación Ciclonudista é concibida como un evento máis lúdico que reivindicativo, moitos dos seus participantes asisten co corpo pintado e adornan as súas bicicletas e os seus corpos para acudiren á marcha.