Luis Carrera Pásaro, nado en Castro de Rei en 1949 e finado en Vigo o 8 de febreiro de 2014, foi un economista e político galego.
Traxectoria
Fillo de Lino Carrera Falcón e Manuela Pásaro Trashorras.
Carreira
Licenciado en Económicas na Universidade Complutense de Madrid e diplomado en Alta Dirección de Empresas pola Universidade de Navarra. En 1971 empezou a traballar para o Banco Hispano Americano, no que foi destinado a oficinas en Madrid, Barcelona e A Coruña. En 1979 pasou á Banca Mas, e en 1982 á Caja de Ahorros de Extremadura, onde xa acadou un posto de subdirector da compañía. En 1987 deu o salto á empresa pública, e converteuse en presidente da Sociedad para el Desarrollo Industrial de Extremadura (o equivalente estremeño de Sodiga), cargo que ocupou ata 1989.
Nese ano pasou a ser director xeral de Caixa Ourense, posición que ocupou ininterrompidamente ata a fusión desta caixa de aforros coas outras caixas do sur de Galicia. Así, en 1999 foi director xeral adxunto do grupo formado por Caixavigo e Caixa Ourense, e a partir de 2000, da marca xa coñecida como Caixanova. En 2004 abandonou o posto logo de filtrarse a súa posible fichaxe por Caja España,[1] aínda que esta fichaxe nunca se chegou a producir. Posteriormente dedicouse á consultoría en temas bancarios.
Partido Popular
En xaneiro de 2009 anunciou o seu paso á política activa encabezando a lista do Partido Popular pola provincia de Ourense nas eleccións galegas, se ben non era militante desa formación.[2] A comezos de febreiro, tan só un mes despois, foi apartado da carreira electoral logo de que se soubese que tiña débedas con Facenda.[3]
Finou no Hospital do Meixoeiro de Vigo o 8 de febreiro de 2014, logo de sufrir un infarto.[4]
Vida persoal
Casou con María Gloria Corral Freire.
Notas