O amahuaca é unha lingua da familia pano que se fala no Brasil e o Perú, e nese país ten a consideración de lingua oficial no seu territorio.
Historia
Antes da chegada dos españois entre 6 e 9.000 amahuacas habitaban unha superficie de 30.000 km², divididos en múltiples subgrupos. Os primeiros contactos cos españois déronse no século XVIII. No século XIX a maioría dos amahucas deixaron as ribeiras dos ríos Ucayali e Urubamba. En 1892, logo de enfrontamento cos canibo, shipibo e piro, os amahuacas quedaron decimados. O exército peruano masacrou en 1943 os amahuacas que vivían no curso alto do río Purús. Os poucos amahuacas que sobreviviron agrupáronse e como resultado destruíuse a organización tradicional.
Situación actual
Na actualidade o amahuaca conta con entre 300 e 400 falantes. No Perú hai 247 amahuacas censados en 6 comunidades (2000), deles no ano 2000 uns 100 falaban a lingua, pero os nenos xa non a falan e o mesmo grupo étnico estase desintegrando e perdendo a súa identidade diferenciada por mor da alta taxa de matrimonios mixtos. O territorio amahuaca abrangue o curso dos ríos Sepahua, Inuya, Curiuja, Curanjá e Yuruá nos departamentos de Ucayali e Madre de Dios. No Brasil os 220 amahuacas censados no ano 1995 falaban a lingua, o territorio amahuaca localízase no estado de Acre. Ademais pode haber 50 amahucas non contactados na fronteira peruana-brasileira.
Dialectos
- Inuvayen (Brasil)
- Inuya (Perú)
- Sepahua (Perú)
- Viwivakeu (Brasil)
Escrita
Existe algún material escrito na lingua, a partir de 1963 misioneiros cristiáns traduciron pasaxes da Biblia, libros didáctios e de contos tradicionais, e existe tamén un dicionario e unha gramática.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas