Lifted (en galego, Abducido) é unha curtametraxe de animación por ordenador feita por Pixar en 2006. Foi dirixida por Gary Rydstrom, a súa primeira vez no labor de dirección.
O filme foi candidato ao Premio Oscar á Mellor Curtametraxe Animada no ano 2007.[1]
Sinopse
Un extraterrestre mozo, Stu, atópase no interior dunha nave espacial realizando un exame de abdución. Para superar a proba debe levar un granxeiro durmido, chamado Ernie, ata a nave, baixo a atenta mirada do seu profesor, o Sr. B.[2] Perante del, Stu ten centos de interruptores carentes de etiquetas nunha consola xigante que deberá utilizar para aprobar o exame. Dubidando e dándolle a varios interruptores incorrectos, Stu fai golpear o humano contra as paredes, o teito e o chan, sen chegar a espertalo do seu sono. Stu frústrase por non conseguir o seu obxectivo e preme e acciona todos os interruptores que pode á vez. Como consecuencia disto, o granxeiro golpéase contra todo o que hai no seu cuarto. Stu segue a premer algúns interruptores ao chou e asemade o Sr. B toma notas. Finalmente, Stu consegue elevar ao granxeiro ata a nave tras ler algúns dos seus apuntamentos, pero retira o dedo do botón moi rápido e precipítase contra o chan. Antes de que chegue ao solo, o Sr. B ponse diante dos interruptores e impide que caio; devolve ao granxeiro á súa cama e arromba o cuarto.
Avergonzado polo seu fracaso, Stu comeza a choromicar, contendo as bágoas. O Sr. B, compasivo, permite xenerosamente que Stu leve a nave de volta á súa casa. Cheo de ledicia, Stu toma os controis e comeza a elevar a nave no aire, pero de súpeto esta cae sobre a casa do granxeiro. Cando a nave espacial finalmente marcha, queda un profundo cráter en cuxo centro queda un piar provocado pola pequena entrada que deixara aberta Stu ao abducir o granxeiro. No centro dese piar, o granxeiro segue a durmir na súa cama.
Durante os créditos finais escóitase a alarma dun reloxo, ao granxeiro acordando e bocexando, un berro Wilhelm e por último un ruído xordo, indicando que caera no cráter.
Lanzamento
A curta estreouse nos cines xunto ao filme de Pixar Ratatouille. Xa se proxectara un adianto no Festival Internacional de Cine de Chicago.[3]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
|
---|
Filmes | |
---|
Curtametraxes | |
---|
Especiais para a televisión | |
---|
Producións asociadas | |
---|
Documentais | |
---|
Produtos | |
---|
Xente | |
---|