Este artigo amosa letras árabes. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
Kitāb al-Shifā’ (árabe: كتاب الشفاء; latín: Sufficientia; lit. "O libro da curación" ou "O libro da cura") é unha enciclopediafilosófica e científica escrita por Abu Ali ibn Sīna (coñecido en Occidente como Avicena). A súa elaboración comezou contra o 1014, e rematou arredor do 1020; porén, non foi publicado até o 1027.[1][2]
Crese que foi escrito para servir como compendio de todos os coñecementos filosóficos do seu autor.[3] En efecto, consta de catro partes principais que tratan, en orde e con amplo detalle, de lóxica, física, matemáticas e metafísica.
O texto árabe, recompilado a partir de varios manuscritos de orixe diversa, foi editado por varios arabistas, entre os que destaca principalmente George Anawati, e publicado en varios volumes en O Cairo entre 1953 e 1983.
No século XIII apareceu unha tradución ao latín en Toledo, pero non será até 1907 cando apareza outra versión nalgún idioma europeo, esta vez en alemán.[4]
Partes do texto, notabelmente a metafísica, traducíronse tamén ao francés, ao inglés e ao italiano. Non existe aínda unha tradución ao galego.
As principais disciplinas filosóficas sobre as que versa o Kitāb al-Shifā’ son a lóxica e a metafísica, aínda que tamén contén elementos de filosofía da ciencia.
Lóxica
Avicena escribiu sobre a lóxica islámica en moitas das súas obras, e chegou a crear o seu propio sistema lóxico como alternativa á lóxica de Aristóteles. Cara ao século XII, a lóxica de Avicena substituíu á aristotélica no mundo islámico.[7] Tras ser traducido ao latín, os seus textos sobre esta materia influenciaron aos pensadores europeos, como Alberte o Magno.[8]
Na sección titulada al-Burhan ("A demostración"), Avicena describe os métodos científicos de investigación da antigüidade. En específico, analiza os Analíticos posteriores de Aristóteles, co que discrepa en diversas cuestións, introducindo o problema dos principios fundamentais da ciencia. Segundo o persa, existen dúas vías para chegar aos devanditos principios: a da indución aristotélica (istiqra), e a do exame e a experimentación (tajriba). Avicena critica a primeira delas, sobre a base de que non conduce a premisas absolutas e universais, polo que sería necesario avanzar polo segundo camiño, o da experimentación.[10] Malia propoñer ideas próximas ás da ciencia moderna, o al-Burhan só foi traducido fragmentariamente ao latín; en consecuencia, a súa influencia en Europa foi limitada.[11]
Metafísica
A metafísica de Avicena está influenciada pola filosofía de al-Farabi. No seu estudo do ser, distinguiu entre esencia (mahiat) e existencia (wujud). Defendeu que a existencia non pode inferirse ou explicarse pola esencia das cousas, e que a forma e a materia por si soas non poden orixinar o movemento do universo. A existencia, xa que logo, débese a un axente causal que a engade á esencia. Para iso, a causa ten que ser algo que coexista co seu efecto.[12]
No eido da astronomía, o texto destacou por propoñer que Venus está máis próximo á Terra que ao sol.
Química
O Kitāb al-Shifā’ expón unha síntese de conceptos sobre a natureza dos estados minerais e metálicos.[15] Malia ser un crítico da alquimia, Avicena combinou a teoría alquímica dos metais coas ideas sobre mineraloxía de Aristóteles e Teofrasto.[15]
Paleontoloxía
O libro contén explicacións sobre a petrificación dos fósiles. Aristóteles intentou explicar este fenómeno apelando a unhas "exhalacións vaporosas". Avicena revisou este concepto, desenvolvendo a súa teoría dos "fluídos petrificantes", que sería retomada por Alberte o Magno no século XIII, e aceptada por moitos naturalistas até o século XVI.[16]