Kathleen Kennedy, nada en Berkeley (California) o 5 de xuño de 1953,[1] é unha produtora de cinema estadounidense e presidenta de Lucasfilm. En 1981, fundou a compañía Amblin Entertainment con Steven Spielberg e Frank Marshall.
Traxectoria
Primeiros anos
Kennedy naceu en Berkeley, California, filla de Dione Marie "Dede" Dousseau, que unha vez foi actriz de teatro, e de Donald R. Kennedy, xuíz e avogado.[2] Kennedy ten dúas irmás; a súa xemelga Connie é produtora executiva da compañía de produción virtual Profile Studios.[3] A súa outra irmá é Dana Middleton-Silberstein, presentadora de televisión e directora de comunicación do ex-gobernador de Washington Gary Locke.[2]
Kennedy graduouse de Shasta Secundaria en Redding, California, en 1971. Continuou os seus estudos na Universidade Estatal de San Diego, onde se especializou en cinema e telecomunicacións. No seu último ano, Kennedy conseguiu traballo nunha estación de televisión local de San Diego, KCST, onde asumiu diferentes papeis, incluíndo operadora de cámara, editora de vídeo, directora de planta e finalmente coordinadora de produción das noticias.[4] Despois do seu emprego en KCST pasou a producir un talk show local titulado You're On durante catro anos antes de mudarse aos Ánxeles, onde tivo o seu primeiro traballo de produción de cinema como axudante de John Milius, nese momento produtor executivo de Steven Spielberg no filme de 1979 1941. Kennedy chamou a atención de Spielberg,[5] que a contratou como secretaria persoal, asumindo cada vez máis protagonismo no proceso de realización dos filmes.[6]
Carreira
Kennedy apareceu por primeira vez acreditada nun filme como produtora asociada en Raiders of the Lost Ark (1981). Posteriormente asociouse con Spielberg e Frank Marshall para crear Amblin Entertainment, unha recoñecida produtora de Hollywood.[7] Marshall acabou converténdose no seu marido e continuou a traballar con el. Con Marshall fundou outra empresa, The Kennedy/Marshall Company[8] que chegou a un acordo con DreamWorks.
En 2012 Kennedy apartouse de Kennedy/Marshall deixando o seu marido só á fronte[9][10] e entrou en Lucasfilm, sendo copresidenta con George Lucas.[11][12] O mesmo ano, a compañía Disney comprou a empresa por 4000 millóns de dólares[13] e Kennedy converteuse na presidenta de Lucasfilm[14] coa súa matriz en Disney. George Lucas continuou como asesor creativo.
Kathleen Kennedy está implicada directa ou indirectamente na produción de máis de 120 filmes candidatos aos premios Óscar.[15]
Notas