Juan Carlos Rodríguez Cebrián, nado en Ourense en maio de 1954, é un empresario galego, que foi director xeral de Inditex a finais do século XX.
Traxectoria empresarial
Rodríguez Cebrián comezou a traballar en 1978 en Zara, no que posteriormente se habería converter no grupo Inditex. Grazas a unha ampliación de capital en 1992 a súa muller Dolores Ortega, sobriña de Amancio Ortega, entrou no accionariado do conglomerado de empresas téxtiles. Rodríguez Cebrián pasou a ser conselleiro executivo desde 1997.[1]
En 2005 abandonou Inditex e posteriormente en 2006, grazas aos beneficios obtidos trala saída a bolsa da empresa téxtil, entrou no capital de Fadesa[2] cando Manuel Jove lle vendeu a compañía a Fernando Martín.
En setembro de 2006 desfíxose de todas as súas accións en Unión Fenosa por 6,4 millóns de euros[3] e en decembro dese mesmo ano adquiriu o 9% da empresa inmobiliaria Hábitat, que acabaría en concurso de acredores.[4]
En 2011, coa venda do seu 20% do Grupo Modelo, abandonou o proxecto empresarial do sector sanitario que iniciara en 2004 coa adquisición da Maternidad Belén.[5]
Tamén é dono da promotora inmobiliaria Dricar, á que o Tribunal Supremo de España deu a razón en 2015 nunha disputa co Concello da Coruña, pola superficie edificábel no antigo convento das Adoratrices, na Agra do Orzán.[6]. Esta empresa tamén era propietaria en 2017 dos terreos da antiga fábrica de cosméticos La Toja, ao pé da ponte da Pasaxe, habitada durante décadas por familias xitanas.[7]
En 2016 asumiu o control en solitario do recentemente creado espazo de espectáculos coruñés Sala Pelícano.[8]
Azueiras
En 2013, ante a previsíbel saída de Augusto César Lendoiro da presidencia do Deportivo da Coruña, houbo un ruxe ruxe sobre a súa posíbel candidatura para liderar un novo consello de administración, feito que desmentiu o propio Rodríguez Cebrián[9], neto doutro expresidente deportivista: Jesús Cebrián.[10]
En 2014 o candidato localista Carlos Marcos desmentiu que Rodríguez Cebrián estivera a apoiar economicamente a candidatura de Unión Coruñesa.[11]
Vida persoal
Está casado con Dolores Ortega, empresaria e sobriña de Amancio Ortega
Notas