Juan Antonio Suárez Picallo

Modelo:BiografíaJuan Antonio Suárez Picallo

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1907 Editar o valor en Wikidata
Veloi, España Editar o valor en Wikidata
Morte12 de agosto de 1936 Editar o valor en Wikidata (28/29 anos)
Veigue, España Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepaseo, ferida por arma de fogo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor en Wikidata
Partido políticoPartido Galeguista Editar o valor en Wikidata

Nomes e Voces: 4469

Juan Antonio Suárez Picallo,[1] tamén coñecido como Xohán Antón Suárez Picallo, nado en Veloi (Sada) en 1907 e finado en Veigue o 12 de agosto de 1936, foi un dirixente do Partido Galeguista nas Mariñas, agrarista e xornalista sadense.

Traxectoria

Foi o sétimo fillo dun matrimonio humilde, irmán de Ramón, 11 anos maior ca el, posteriormente Deputado nas Cortes da Segunda República, quen cinco anos despois deixou a casa petrucial camiño das Américas. A primeira noticia sobre a súa participación política é de man do seu irmán no 1926:

Unha das cousas que máis me encheu de ledicia o meu esprito ao chegar a miña vila natal, a Sada dos meus amores, foi saber que n’ela habia unha xuntanza nazonalista de rapaces cuásique todos menores de 20 anos. E ainda mais, cando soupen que un hirman meu, que tiña dous anos cando deixei o fogar paterno, formaba parte d’ela.
O Mariscal de Ramón Cabanillas e Antonio Villar Ponte.

A devandita agrupación denominábase, segundo Ramón Suárez Picallo, Mareiras: Xuntaza nazonalista dos rapaces mariñeiros de Sada, e tiña o seu local ao pé das ruínas do castelo de Corbeiroa. Aínda que non se sabe canto hai de verídico neste relato, queda a constancia desa primeira aproximación de Antón ao galeguismo.[Cómpre referencia] Nese mesmo ano Antón Villar Ponte e Ánxel Casal regaláronlle unha edición de O Mariscal que, como máis tarde recoñecería, influíu decisivamente na súa traxectoria posterior.

Xa na II República, desenvolveu diversas facetas, participando activamente na política agraria e chegando a ser o Delegado da Misión Biolóxica na Comarca das Mariñas. En Veloi creou unha granxa experimental, na que plantou sementes melloradas que logo distribuía entre os labregos, bastante remisos na maioría dos casos a este tipo de innovacións. Con todo, conseguiu acadar certo creto mediante a oratoria, participando nunha infinidade de actos en toda a contorna mariñá, e os seus traballos comezaron a dar os debidos froitos. Co Bienio Radical-Cedista a Misión Biolóxica deixou de estar subvencionada e entrou en quebra.

En 1935 artellouse, baixo a influencia de Ramón Suárez Picallo, o Grupo Local do Partido Galeguista en Sada, se ben xa existían elementos recoñecidos coma tal desde a propia fundación do Partido. A Presidencia recaeu no exalcalde republicano Justo Rodríguez Pérez, e Suárez Picallo foi o vicepresidente. En marzo do ano seguinte creouse a Comarcal de Sada, ficando nomeado Antón correspondente informativo d' A Nosa Terra. Dous meses despois, o órgano informativo do PG publica o Programa electoral do Grupo de Sada, no que teñen un peso singular as cuestións agrarias, advertíndose nel a pluma de Antón. En xullo fórmase unha Alianza de Esquerdas en Sada, co obxectivo de loitar “contra a reaición, fascio, guerra e pol-a conquista de unha amnistía para os presos políticos e sociaes”. Ademais do propio PG, integraban o grupo de Sada Izquierda Republicana, Unión Republicana e as agrupacións sindicais. Suárez Picallo era o secretario xeral. No ámbito galego, estivo presente en todas as Asembleas Xerais e xuntanzas do Consello Nacional do PG en calidade de conselleiro comarcal do partido nas Mariñas de Sada.

En xullo dese ano nacei en Sada o Ateneo de Cultura Política y Social, que reúne novamente representantes de todo o abano esquerdista, e tivo a Antón por presidente e máximo dinamizador. Polo seu local pasaro oradores como Ramón Otero Pedrayo, Plácido R. Castro, José Pubul, Nicandro Golán, Alejo Candocci ou Rafael Fernández Casas, e organizáronse faladoiros de traballadores, dispoñendo para eles unha biblioteca. Na súa visita a Sada, Otero Pedrayo, que convocou unha inxente multitude, definiu a Antón como “símbolo dunha Galicia nova cada vez máis próxima”. Ao tempo, Suárez Picallo colaborou n' A Nosa Terra e El Pueblo Gallego.[Cómpre referencia]

A finais do 1935, coa quebra do goberno das dereitas e a convocatoria de eleccións, reaviváronse con máis forza os movementos políticos. Daquela Alianza de Esquerdas artellouse a Fronte Popular, con Antón á cabeza do comité electoral, o que non deixa de ser ilustrativo da forte presenza do PG en Sada, xa que o normal era que estas candidaturas estivesen presididas por republicanos. As eleccións de febreiro e o plebiscito do Estatuto concentraron a súa actividade. Participou en numerosos mitins e eventos, destacando a súa intervención na inauguración do edificio da Senra, sede da Asociación Bergondo y sus Contornos, destinada a escola que xa nunca se chegou a utilizar como tal.

Tras a sublevación militar, os falanxistas entraro en Sada o 23 de xullo do 1936. Recibiunos Antón Suárez Picallo, que utilizou a dialéctica para expor os seus principios e o seu rexeitamento do golpe. Un falanxista tirou da pistola, mais a multitude reacciona, golpeándoos e prendéndoos no Pósito Marítimo. Ese mesmo día chegan máis efectivos de Betanzos que tomaron a vila sen dificultade. Antón Suárez Picallo agochouse en Meirás na compaña dos sindicalistas Antonio Carballeira Muñiz, Manuel Prego Chas e José Mosquera Rey e do dirixente comunista Gumersindo Montero. Posteriormente partiron a pé cara á Coruña os tres primeiros, agochándose nunha casa da Agra do Orzán. Ao pouco, Antón foi visitar unha tía súa ao hospital, sendo delatado por outro sobriño da muller, veciño de Sada de Arriba, que lles deu aviso aos falanxistas. A noite do 11 para o 12 de agosto son detidos e, tras padeceren brutais torturas, asasinados. Os seus cadáveres apareceron o día 12 no monte de Abeleiras, na parroquia de Veigue.

Notas

  1. Segundo algunhas fontes, como o DBdG, o primeiro nome era Xosé: "Xosé Antonio Suárez Picallo", tomo 3, p. 257.

Véxase tamén

Bibliografía