José Vigo Remuñana, nado en Buenos Aires o 22 de novembro de 1929, é un ex futbolista arxentino, de ascendencia galega, que xogaba de dianteiro. Destacou no Club Atlético Huracán e tras xogar en varios equipos máis da Arxentina e Colombia, instalouse en Galicia, onde foi un dos poucos futbolistas en vestir tanto a camiseta do Celta de Vigo como a do Deportivo da Coruña.
Traxectoria
Naceu en Buenos Aires, sendo fillo dun matrimonio de emigrantes galegos, naturais da provincia da Coruña.[1] Comezou a súa carreira en 1946 xogando en Huracán, pasando logo por Gimnasia de La Plata e Ferro Carril Oeste, onde militou ata 1953. En total marcou 40 goles en 113 partidos na Primeira División da Arxentina.[2] En 1954 trasladouse a Colombia para xogar dous anos no Cúcuta Deportivo e un en Bucaramanga.
En 1957 instalouse en Galicia, onde fichou polo Celta de Vigo. Debutou co equipo celeste na Primeira División na xornada 13 da tempada 1957/58, nunha vitoria por 2-1 contra o Real Madrid en Balaídos, anotando o gol da vitoria fronte ao gardameta Rogelio Antonio Domínguez, tamén nacido en Buenos Aires. Na xornada 19 marcou dous goles contra o Las Palmas e acabou a tempada con catro goles en nove partidos.
En xullo de 1958 xogou nas filas do Deportivo da Coruña un partido amigable contra o Nacional de Montevideo en Riazor, cedido polo Celta de Vigo. O partido acabou 3-4 para os uruguaios, e a actuación de Vigo, autor do primeiro gol coruñés, agradou ao novo adestrador deportivista, Ernesto Pons,[3] polo que o club acabou pagando o seu traspaso unhas semanas despois.[4] Debutou en partido oficial na primeira xornada da tempada 1958/59 de Segunda División, contra o Basconia, marcando o único gol galego (1-1), e xogou case todos os partidos da tempada, marcando 18 goles. Foi o segundo máximo goleador do campionato de liga, só superado por Emilio Morollón, do Valladolid, e empatado con Miguel Jones. Na súa segunda tempada na Coruña, as súas cifras goleadoras reducíronse, marcando só 4 goles.
En 1961 regresou á Arxentina, onde xogou ata 1962 no San Telmo, da Primera B.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas