José Luis Gómez Pérez, coñecido como Joselu, nado en Palmeira (Ribeira) o 10 de xuño de 1987, é un exfutbolistagalego, que xogaba de dianteiro. É, con 119 goles, o máximo goleador da historia do Racing de Ferrol, club no que militou durante nove tempadas (2014-2023) e ao que chegou despois de marcar 62 goles en dous anos co Compostela.
Traxectoria
Formado na canteira do do Celta de Vigo, en 2004 entrou a formar parte do cadro do Celta B, onde non conseguiu a titularidade, fronte a outros dianteiros como Goran Marić ou Iago Aspas.
No verán de 2008 fichou polo Lorca Deportiva.[1] Despois de non ter moitas oportunidades, disputando só cinco partidos, no mercado invernal marchou ao CF Reus Deportiu, de Terceira División. Co Reus non chegou a un acordo para a súa renovación ao remate de tempada, fichando finalmente polo CD Teruel para a tempada 2009/10, da man do seu adestrador no Reus, Ramón Calderé.[2] Co club turolense acadou o ascenso á Segunda División B. Renovou unha tempada máis no CD Teruel e no mercado invernal da tempada 2010-2011 fichou polo Cerceda,[3] co que xogou o que restaba de tempada e outra máis, anotando na segunda delas 20 goles.[4] En xullo de 2011 marcou o seu primeiro gol na Copa do Rei, na vitoria por 2-0 fronte ao CD Tenerife.[5]
En 2012 chegou á SD Compostela,[6] debutando na primeira xornada de liga, e anotando 4 goles no seu primeiro partido en San Lázaro, fronte ao Deportivo Dorneda CF.[7] Acabou con 32 goles a súa primeira tempada en Santiago, 5 deles nos play-offs, contribuíndo de xeito destacado ao ascenso do equipo á Segunda División B. Foi o máximo goleador do Grupo I da Terceira, con 26 goles, 5 máis que Manu Barreiro e Luis Fernández. Na súa segunda campaña marcou 30 goles en 32 partidos, proclamándose como o máximo goleador dos catro grupos da Segunda B.
En 2014 fichou polo Racing de Ferrol. Na súa segunda tempada no club ferrolán foi o máximo goleador do seu grupo da Segunda B, con 20 tantos. Durante os seguintes anos foi engrosando a súa conta anotadora, superando os 109 goles de Pablo Rey e desbancándoo como o máximo goleador da historia do club.[8] O 17 de decembro de 2022 marcou o seu 119º e derradeiro gol co Racing de Ferrol, retirándose ao remate da tempada 2022/23, o día do seu 36º aniversario, despois de acadar o ascenso á Segunda División.[9]