Naceu en Alcoi o 2 de marzo de 1928, no seo dunha familia acomodada. Era fillo de Ángel Pérez Soler, industrial do papel e persoa moi ligada ao fútbol, pois á parte de practicalo, participou na fundación do Valencia CF, do Real Alcodiam, do Albaidense, do Ontinyent e do Alcoyano, sendo ademais presidente e adestrador dos dous últimos.[2][3]
O 31 de outubro de 1948, na oitava xornada de liga, debutou na categoría de prata, nunha vitoria por 3-0 sobre o Murcia. Foi titular en case tódolos restantes partidos como local e realizou dúas saídas, a Donostia e Xixón. Marcou 6 goles en 12 partidos, destacando os dous que lle fixo ao Girona (3-0) e o tanto que anotou nun histórico encontro ante a Real Sociedad, con 22.000 persoas nas bancadas do antigo estadio de Lasesarre.[4] Rematou a tempada na quinta posición da táboa.
Alcoyano
En 1949, despois de xogar varios partidos amigables nas filas do Athletic,[6] regresou a Alcoi e ingresou no Alcoyano, tamén da Segunda División. En só catro meses de competición, marcou 14 goles en 19 partidos, colocándose entre os máximos goleadores da liga, e levando ao equipo á primeira posición. Foi entón cando fichou pola Real Sociedad, en xaneiro de 1950.[5]
Real Sociedad
Debutou na Primeira División coa Real Sociedad, aínda como amateur, o 22 de xaneiro de 1950, ante o Real Madrid, marcando os dos dous goles do seu equipo (2-2). Xogou un total de sete partidos co club donostiarra, marcando cinco goles.
Atlético de Madrid
No verán de 1950 fichou polo Atlético de Madrid, onde xogou durante os seguintes tres anos, ao tempo que preparaba as oposicións para funcionario do Estado.[5] Alí deixou de xogar de interior para facelo como dianteiro centro, e formou parte da chamada "dianteira de cristal", xunto con José Juncosa, Ben Barek, Henry Carlsson e Adrián Escudero.[7] Na súa primeira tempada, ás ordes de Helenio Herrera, marcou 14 goles en 26 partidos de liga, contribuíndo á conquista do título por diante do Sevilla. Marcou ademais un triplete na Copa Eva Duarte diante do Athletic, que serviu para empatar 5-5 e forzar un partido de desempate no que finalmente venceu o club vasco.
Na súa segunda tempada en Madrid gañou a Copa Eva Duarte e anotou un total de 15 goles, cifra que se reduciu na súa terceira e derradeira campaña, na que só conseguiu dous tantos. Pechou o seu paso polo Atlético con 81 partidos oficiais e 36 goles.
Real Madrid
En 1953 fichou polo Real Madrid, club no que militou outras tres tempadas e onde actuou por primeira vez como profesional.[8] Viña de aprobar as oposicións a inspector de traballo.[6] Gañou dúas ligas nas súas dúas tempadas e compartiu dianteira con xogadores como Gento, Di Stéfano ou Héctor Rial. O 8 de setembro de 1955 foi titular no primeiro partido da historia do Real Madrid na Copa de Europa, diante do Servette suízo. Conquistou a competición europea esa tempada e tamén na seguinte, na que sumou un terceiro título de liga co club branco e o cuarto na súa conta persoal. Co Real Madrid gañou ademais dúas Copas Latinas.[9]
Disputou un total de 50 encontros oficiais co club, nos que marcou 24 goles.
Selección nacional
Foi internacional coa selección española en dúas ocasións.[10] Debutou o 18 de maio de 1955 nun partido amigable contra Inglaterra no estadio de Chamartín, un encontro que rematou con empate a un gol. Xogou un segundo encontro medio ano despois, de novo contra Inglaterra, desta vez en Wembley, onde a vitoria foi para o conxunto inglés por 4-1.
Casou con María del Carmen Colomer, coa que tivo varios fillos. Unha das súas fillas, Cristina, faleceu con só catro anos, atropelada por un vehículo en Castelló.[12]