José Antonio Nieto Ballesteros, nado en Guadalcázar o 10 de abril de 1970, é un político español de ámbito local do Partido Popular. É licenciado en Dereito pola Universidade de Córdoba. Desde o 11 de xuño de 2011, é o alcalde da cidade de Córdoba.
Biografía
Entre 1991 e 1993 ocupa o cargo de secretario provincial do Centro Democrático e Social (CDS), partido polo que se presenta a senador nas eleccións xerais de 1993, sen éxito. Pouco despois pasa ao Partido Popular. Entre 1995 e 1999 é concelleiro en Guadalcázar, pasando ese ano a ser concelleiro do Partido Popular na cidade de Córdoba.
Tamén foi coordinador electoral rexional do PP andaluz e vicesecretario xeral de Formación e Electoral do PP de Córdoba até o mes de decembro de 2002, cando é designado número dous do partido na provincia. A partir das eleccións municipais de 2003, substitúe a Rafael Merino como portavoz no Concello de Córdoba. En febreiro de 2006, e tras a dimisión de María Jesús Botella, faise cargo da presidencia provincial do PP.
O 28 de xuño de 2006 é elixido candidato á alcaldía de Córdoba polo Partido Popular. Nas eleccións municipais de 2007, o seu partido é o máis votado, obtendo o 43,96% dos votos e 14 concelleiros, mais un pacto entre o PSOE e Izquierda Unida, con 4 e 11 concelleiros respectivamente, mándao á oposición.
En 2008 é o cabeza de lista por Córdoba para as eleccións autonómicas de 2008 conseguindo un escano no Parlamento andaluz en marzo. En novembro é reelixido presidente do Partido Popular de Córdoba durante o XIII Congreso Provincial do Partido Popular cun 96% de votos a favor.[1] Nas eleccións municipais de 2011 gañou a alcaldía de Córdoba ao obter o PP a maioría absoluta do concello con 79.493 votos (48,80%) e 16 concelleiros.
Notas