Nacido no barrio coruñés de Santa Margarida, comezou a xogar ao fútbol no equipo infantil do San Juan, pasando aos 11 anos ao Calasanz, onde tivo como adestrador ao padre Fidel.[2][1] Aos 14 anos ingresou no equipo xuvenil do Deportivo da Coruña, no que militou durante catro anos. A finais da tempada 1974/75, con 17 anos, comezou a ocupar a portería do Fabril adestrado por Rodrigo, facéndose rapidamente coa titularidade.[3] Xogou no filial durante as seguintes dúas campañas na Serie A, logrando o ascenso a Terceira División na 1976/77.[2][4]
Aínda que xa entrara anteriormente nalgunhas convocatorias, non foi ata a tempada 1977/78 cando subiu definitivamente ao primeiro equipo, trala saída de Ramón Canedo.[2][4] Suplente de Paco Buyo na súa primeira campaña, debutou co equipo na Segunda División o 23 de outubro de 1977, ante o Sabadell, aproveitando que o betanceiro fora convocado pola selección española sub-21.[2] Xogou só tres partidos máis esa tempada, todos eles na Copa do Rei.
Coa marcha de Buyo a Huesca na tempada 1978/79 para realizar o servizo militar, Jorge competiu con Manuel Guerrero polo posto de titular, xogando un total de 21 partidos. O retorno de Buyo na parte final da tempada levouno de novo ao banco, ata que en 1980 o Deportivo descendeu á Segunda División B e Buyo fichou polo Sevilla. Jorge fíxose entón coa titularidade nun equipo que recuperou a categoría inmediatamente, na campaña 1980/81, e continuou como dono indiscutible da portería de Riazor durante os seguintes dous anos en Segunda. Para a tempada 1983/84 o club incorporou a José Luis Montes, que se converteu nunha dura competencia para o gardameta coruñés durante tres anos, ata que este volveu ser indiscutible na 1986/87, xogando 43 partidos.
Entre as tempadas 1987/88 e 1989/90 perdeu protagonismo en favor do nigranés Fernando Iglesias, pero continuou sendo a primeira elección de Arsenio Iglesias para a portería. Na campaña 1990/91 viuse relegado á suplencia coa chegada de Yosu. Participou nos partidos da Copa do Rei e só en dous de liga, competición na que o Deportivo acabou segundo, ascendendo así á Primeira División despois de dúas décadas.
Foi a última tempada como futbolista de Jorge, que se retirou ao remate da mesma, despois de 20 anos na estrutura do Deportivo.[4] Deixou o club como o quinto futbolista con máis partidos oficiais da súa historia (322), sendo na actualidade o 12º, mentres que entre os porteiros só Acuña xogou máis partidos coa camiseta do equipo coruñés (393). É tamén o segundo xogador do Deportivo con máis partidos disputados na Copa do Rei (63), só por detrás de Fran (74).[4]