Joaquín Pesqueira Quiroga, nado en Pontevedra e finado en Vigo pouco antes de 1957, foi un xornalista galego.
Traxectoria
Fillo de Eduardo Pesqueira Cotón, profesor da Normal de Pontevedra finado o 6 de marzo de 1894,[1] e Cándida Quiroga. Mestre, foi profesor auxiliar na Normal de Pontevedra e colaborou en Diario de Pontevedra e El Progreso. Emigrou a Buenos Aires en 1907, onde foi xefe de redacción de La Iberia dende finais de 1908,[2] e despois dirixiu a revista Suevia, publicada nesa cidade en 1913 e 1916. Na revista utilizou, durante a primeira época (1913), o pseudónimo de Conde de Cela, pero utilizou o seu nome nos textos que escribiu na segunda (1916). Colaborou en La Voz de Galicia. En 1915 dirixiu a Revista Mensual de la Asociación Española de Socorros Mutuos. Ademais do seu labor como director e asiduo colaborador en Suevia, tamén publicou diversos artigos nas revistas bonaerenses Acción Gallega (órgano de difusión da Casa de Galicia de Buenos Aires), no Almanaque Gallego, Correo de Galicia ou La Nación; en Galicia Nueva (Montevideo), no Boletín do Centro Gallego de Avellaneda (Arxentina) e en Vida Gallega. Dirixiu en Buenos Aires o semanario Galicia xunto con Manuel Lustres Rivas en 1924.
Da súa vida sábese moi pouco, agás que embarcou para Galicia o 11 de xullo de 1924.[3] En Vigo foi correspondente de La Nación e presidente da Asociación da Prensa de Vigo entre 1925 e 1927.[4] Alberto Vilanova di que sufriu en Vigo "un sonoro fracaso social" do que non explica máis. Despois da guerra publicou algunhas colaboracións en Finisterre, Cartel, Spes e Litoral de Pontevedra.
Foi correspondente da Real Academia Galega.
Obras
- Y vivió su vida, 1913.
- Historia de la Asociación Española de Socorros Mutuos de Buenos Aires, 1919.
Vida persoal
Casou en Buenos Aires Aurora Mariscal, filla do facendado chileno Daniel Mariscal de Ozol, o 15 de maio de 1912.[5]
Notas
- ↑ El Magisterio Gallego, 15-3-1894, p. 2.
- ↑ El Progreso, 3-1-1909, p. 2.
- ↑ Boletín Oficial de la Sociedad Fomento de Porriño y su Distrito, xullo 1924, p. 10
- ↑ "Presidentes de la APV". Arquivado dende o orixinal o 02 de decembro de 2013. Consultado o 08 de agosto de 2012.
- ↑ Nova Galicia, 18-2-1912, p. 2.
Véxase tamén
Bibliografía
- "Pesqueira, Xoaquín". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- Alonso Girgado, Luís: "Estudio introdutorio" a Suevia (Bos Aires, 1913, Revista Gallega Regionalista) (Bos Aires, 1916, Revista Gallega), ed. facsímile do CIRP, Santiago de Compostela, 2007. Toma a información de VILANOVA, Alberto: Los gallegos en la Argentina, Ediciones Galicia, Centro Gallego de Buenos Aires, 1966.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-54). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) III. Bibliófilos Gallegos. p. 94.