Jerzy Feliks Zabielski, nado en Varsovia o 28 de marzo de 1897 e finado na mesma cidade o 19 de novembro de 1958, foi un militar e tirador de esgrima polaco, gañador dunha medalla olímpica.
Traxectoria
Comezou a estudar dereito, e durante eses anos foi un dos pioneiros da esgrima polaca, foi un dos fundadores do Club de Esgrima de Varsovia (1916). Sen rematar a carreira tras o recoñecemento da independencia polaca decidiu entrar no exército a finais de 1918, e ao ano seguinte tiña o rango de subtenente e foi promovido a tenente en 1922. Mentres permanecía no exército retomou os seus estudos de dereito na Universidade Iaguelónica de Cracovia e deu clases de esgrima no Club Militar Deportivo mais tamén foi dos reorganizadores da sección de esgrima do AZS de Varsovia en 1921 e da Asociación Polaca de Esgrima en 1922. Partipou nos Xogos Olímpicos de 1924 en sabre por equipos sen chegar á final pero nos Xogos Olímpicos de 1928 na mesma proba logrou a medalla de bronce xunto cos seus compañeiros Tadeusz Friedrich, Kazimierz Laskowski, Aleksander Małecki, Adam Papée e Władysław Segda. No Campionato de Europa de 1930 levou a medalla de bronce en sabre por equipos e nos Campionatos Académicos do Mundo conseguiu a medalla de prata en sabre por equipos e en florete. En 1932 pasou ao Corpo de Oficiais de intendencia traballando no Cuartel Xeral en Varsovia. Ascendeu a capitán en 1935, participou na defensa de Polonia e tras a capitulación uniuse ao exército leal ao goberno no exilio, destinado no Cuartel Xeral da III División, acadando o grao de maior. Despois da segunda guerra mundial permaneceu no Reino Unido, volveu a Polonia en 1958 pouco antes de morrer.
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas