Jean-Paul Divo, nado na cidade de Luxemburgo o 8 de agosto de 1937 e finado en Zürich o 13 de febreiro de 2014, foi un numismático luxemburgués.
Traxectoria
Primeiros anos
Jean-Paul Divo naceu en Luxemburgo o 8 de agosto de 1937. Desde a súa infancia amosou interese pola aprendizaxe de idiomas e tamén pola xeografía e a historia, sinaladamente polas moedas e as súas implicacións históricas,[1] e consultaba adoito os catálogos de poxas numismáticas de casas como Seaby e Spink, de Londres. Na Asociación Numismática de Luxemburgo tomou contacto con diversos numismáticos destacados, entre eles Raymond Weiler, con quen estableceu unha amizade de por vida.[2][3]
Comerciante numismático
Logo do seu servizo militar, solicitou un traballo na distribuidora de moedas Seaby, en Londres, e foi contratado entre 1958 e 1962,[1][2] anos nos que ampliou os seus coñecementos de numismática antiga e medieval, e cultivou novas amizades.[3]
En 1963, Leo Mildenberg, fundador do departamento de numismática do Banco Leu de Zürich, ofreceulle traballo no departamento e Jean-Paul instalouse nesta cidade coa súa familia. Permaneceu no seu posto no Banco Leu ata 1977, e nel chegou a ser vicedirector do departamento de numismática. Nese mesmo ano asumiu a dirección da sucursal da casa de poxas londiniense Spink en Zúrich, e en 1995 incorporouse como socio á compañía Adolph Hess AG, que pasou a denominarse Hess-Divo.[2][3] Finalmente, en 2001 retirouse dos negocios numismáticos.[1][4]
Erudito numismático
Paralelamente á súa actividade comercial, durante estes anos Jean-Paul Divo publicou numerosos libros e artigos sobre temas numismáticos,[1][3] entre os que cómpre salientar varios traballos que son referencia sobre a moeda suíza desde o século XVII, escritos xunto co numismático suízo Edwin Tobler.[2][4][5][6]
Logo da súa xubilación en 2001 continuou o seu interese pola numismática con novos estudos e publicacións, así como con outras actividades, algunhas tan destacables como o rexistro da totalidade dos fondos de moedas suízas do Gabinete de Moedas da Biblioteca Nacional de Francia, co apoio do director desta institución, Michel Amandry.[1][4]
No ámbito asociativo e académico, Jean-Paul Divo foi membro fundador da Asociación Suíza de Numismáticos Profesionais e tamén formou parte da Asociación Internacional de Numismáticos Profesionais, que presidiu entre 1997 e 2001.[1][2][7][4] Así mesmo, foi membro doutras entidades, como a Sociedade Francesa de Numismática, a Sociedade Suíza de Numismática ou a Asociación Libre de Numismáticos de Zúrich.[4]
Vida persoal
En 1963 casou en Zürich con Diana Davis, unha muller inglesa que coñecera durante a súa etapa en Londres, coa que tivo dúas fillas e un fillo.[3] En segundas nupcias casou con Françoise Page.[1][4]
Jean-Paul Divo finou en Zürich o 13 de febreiro de 2014.[3]
Recoñecementos
Publicacións
Jean-Paul Divo publicou numerosos artigos sobre numismática en diversas revistas especializadas do seu tempo. Esta é unha escolma dos seus traballos monográficos máis representativos.[5][9][10][11]
- (1966). Die Taler der Schweiz. Bank Leu Numismatische Abt, Zürich.
- (1967). Die Münzen der Schweiz im 19. und 20. Jahrhundert. Helvetische Republik. Kantonale Münzen. Bundesmünzen (con E. Tobler). Bank Leu Numismatische Abt, Zürich.
- (1969). Modern Greek coins, 1828-1968. Bank Leu Numismatische Abt, Zürich.
- (1971). Die neueren Münzen der Schweiz und des Fürstentums Liechtenstein 1850-1970. Kricheldorf, Friburgo.
- (1974). Die Münzen der Schweiz im 18. Jahrhundert (con B. Schneider e E. Tobler). Bank Leu Numismatische Abt, Zürich.
- (1979). Die deutschen Goldmünzen von 1800-1872 (con H-J. Schramm). Schulten, Frankfurt. ISBN 9783921302224
- (1985). Schweizer Proben. Eine Zusammenstellung der offiziellen Proben zu den Bundesmünzen seit dem Jahre 1850. Numis Post, Bad Ragaz.
- (1987). Die Münzen der Schweiz im 17. Jahrhundert (con E. Tobler). Bank Leu Numismatische Abt, Zürich.
- (1998). Münzkatalog Schweiz 1850-1997. Kursmünzen, Schützentaler, Gedenkprägungen. Numis Post, Bad Ragaz. ISBN 9783952150313
- (2000). Die Münzen und Medaillen der Fürsten von Liechtenstein. Hess-Divo, Zürich. ISBN 9783905501520
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Amandry, M. (2014) Arquivado 12 de maio de 2022 en Wayback Machine..
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Neumann-Lysloff, L. (2014).
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Von Roten, H. (2014). Páxina 58.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Von Roten, H. (2014). Páxina 59.
- ↑ 5,0 5,1 Zäch, B. (2014). Páxinas 60-62.
- ↑ Véxase (1967), (1974) e (1987) en "Publicacións".
- ↑ "Jean-Paul Divo, 1937-2014". En The E-Sylum. Vol. 17. Nº 8. 23 de febreiro de 2014,
- ↑ "Otto Paul Wenger-Preis". Numis Post (www.numis-online-ch).
- ↑ "Divo, Jean-Paul 1937-2014 Arquivado 08 de xullo de 2022 en Wayback Machine.". Digital Library Numis.
- ↑ "Divo, Jean-Paul". WorldCat Identities.
- ↑ "Jean-Paul Divo (1937-2014). Bibliographie". Coingallery.de
Véxase tamén
Bibliografía
|
---|
Do 1982 ao 2000 | |
---|
Dende 2001 | |
---|