Javier Teijeira Brunet, nado na Ponte do Porto (Camariñas) en 1913 e finado en Pamplona o 26 de xuño de 2011, foi un médico galego.
Traxectoria
Fillo de Manuel Teijeira Hernández (de Camariñas) e da coruñesa Rafaela Brunet Pazos, quen casaron por poderes en 1909.
Participou na guerra civil no bando golpista ao mando do xeneral Mohammed ben Mizzian, chegando no exército ao grao de tenente coronel de Artillería. Recibiu a Cruz Vermella ao Mérito Militar.
Estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e en 1951 doutorouse pola Universidade Complutense de Madrid coa tese Estudio analítico del crecimiento. Exerceu inicialmente como pediatra e dende 1954 como electrofisiólogo, sendo pioneiro no desenvolvemento da Neurofisioloxía Clínica en España. No 1959 marchou a Navarra, onde forma parte do grupo fundacional da Facultade de Medicina da Universidade de Navarra e da Clínica Universitaria de Navarra.
Vida persoal
Casou con Áurea María Victoria Álvarez Varela en 1941.