Jaime Iván Kaviedes Llorenty, nado en Santo Domingo de los Colorados o 24 de outubro de 1977 é un exfutbolista ecuatoriano que xogaba na demarcación de dianteiro. Foi un dos xogadores máis prometedores de Ecuador, marcado polas constantes indisciplinas e saídas nocturnas, pese ao que segue sendo un ídolo no seu país.
Traxectoria
Orfo dende os seis anos comezou a xogar nos equipos infantís da súa vila, pasando polo Audaz, Adac, Tres de Julio, Los Chavos, Sport Colombia e Talleres; ao tempo que estudaba na escola Pío XII
Saltou á fama o 1998 ao ser o máximo goleador do mundo, marcando 43 goles no Club Sport Emelec, tras o cal fichou polo Perugia Calcio, converténdose no primeiro xogador ecuatoriano en fichar por un equipo da Primeira División Italiana. Militou no equipo italiano media tempada marcando catro goles, porén despois de facer unha aceptábel Copa América ficha polo Celta de Vigo no verán de 1999 por un prezo aproximado de 5 millóns de dólares..
Pertenceu ao Celta catro tempadas pero so chegou a disputar seis encontros oficiais, sen marcar ningún gol. Ante a competencia principalmente de Benny McCarthy, pero tamén de xogadores como Mario Turdó, foi cedido a varios equipos, coma o Puebla FC, Real Valladolid, FC Porto e Barcelona de Guayaquil.
Tras deixar o Celta en 2003 estivo varios meses sen xogar profesionalmente, ata que a comezos de 2004 fichou polo Deportivo Quito e pasou despois por Crystal Palace, Argentinos Junior, El Nacional e Liga de Quito.
A finais de 2009 entrou nunha clínica de rehabilitación por problemas coas drogas, e tras dous anos sen xogar profesionalmente fichou polo Macará de Ambato, pero foi separado do equipo.
En 2011 fichou novamente por El Nacional.
No ano 2012, tras realizar a pretempada co Deportivo de Quito, anunciou a súa retirada do fútbol, porén fichou despois polo Aucas, onde a súa actuación se viu marcada por ser detido ao conducir ebrio e agredir a uns policías.
Coa selección de fútbol de Ecuador
Foi internacional coa Selección de fútbol de Ecuador en 55 ocasións, debutou o 14 de outubro de 1998 nun encontro amigábel ante o Brasil
O 7 de novembro de 2001 marcou o gol da histórica clasificación de Ecuador para o seu primeiro Mundial, Corea/Xapón 2002
No Mundial de Fútbol Alemaña 2006 anotou un gol, ante Costa Rica.
Véxase tamén
Ligazóns externas