O IPTG, a diferenza da alolactosa, non é hidrolizable pola β-galactosidase. Por tanto, a súa concentración permanece constante durante un experimento. Para a indución, unha solución estéril filtrada 1 M de IPTG é tipicamente engadida a unha dilución 1:1000 nun cultivo bacteriano en crecemento exponencial, para dar unha concentración final de 1 mM. Porén, poden usarse tamén outras concentracións de IPTG.
Mecanismo de acción
Igual que a alolactosa, o IPTG únese ao represor lac e libera o represor tetramérico do operador lac de maneira alostérica, o que permite a transcrición dos xenes do operón lac, como o xene que codifica a beta-galactosidase, un encima hidrolase que cataliza a hidrólise de β-galactósidos dando monosacáridos. Pero, a diferenza da alolactosa, o átomo de xofre (S) crea un enlace químico que non é hidrolizable pola célula, impedindo que a célula metabolice ou degrade o indutor.
A captación de IPTG por E. coli pode ser independente da acción da lactosa permease, xa que están tamén implicadas outras vías de transporte.[1] A baixa concentración, o IPTG entra na células por medio da lactosa permease, pero a altas concentracións (tipicamentre usadas para a indución de proteínas), o IPTG pode entrar nas células independentemente da lactosa permease.[2]
Uso en laboratorio
O IPTG é un indutor efectivo da expresión de proteínas no intervalo de concentracións de 100 μM a 3,0 mM. A concentración usada depende da forza de indución requirida, así como o xenotipo de células ou plásmidos usados. Se está presente lacIq, un mutante que sobreproduce o represor lac, entón pode ser necesaria unha maior concentración de IPTG.[3]
En cribados azul/branco, utilízase o IPTG xunto con X-gal. O cribado azul/branco permite identificar as colonias que foron transformadas co plásmido recombinante das que non.[4]
↑Marbach A, Bettenbrock K (2012). "lac operon induction in Escherichia coli: Systematic comparison of IPTG and TMG induction and influence of the transacetylase LacA". Journal of Biotechnology157 (1): 82–8. PMID22079752. doi:10.1016/j.jbiotec.2011.10.009.
↑BL21(DE3) Competent Cells, BL21 (DE3)pLysS Competent Cells, and BL21 Competent Cells Instruction Manual (Revision #066004e ed.). La Jolla, CA: Stratagene. 2006. p. 7.