Este artigo amosa letras urdús. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
A cidade de Islamabad (en urdú اسلام آباد que significa: "Cidade do Islam") é a capital de Paquistán. Está situada ao nordés do país, no Territorio da Capital Islamabad. Historicamente parte do territorio formaba parte da rexión do Punjab e outra parte de Khyber Pakhtunkhwa. Ten unha poboación de 1 151 868 habitantes (resultados preliminares do censo de 2011) [1].
Historia
En 1958 decidiuse escoller unha comisión para elixir unha nova capital do novo estado que substituíra a Karachi a ao ano seguinte decidiuse por unha zona a 15 km ao nordés de Rawalpindi. Un grupo de urbanistas, baixo a dirección do grego Constantinos A. Doxiadis, foi encargado do deseño da nova urbe. O 24 de febreiro de 1960[2] o goberno paquistaní decidiu darlle o nome de Islamabad e no ano 1961 comezaron as obras.
No ano 1967, Islamabad converteuse xa oficialmente na capital do Paquistán. En 1970 remataron os traballos de construción.
En outubro de ano 2005 a cidade viuse afectada polo terremoto que sacudiu o subcontinente indio.
Xeografía e clima
Islamabad está situada no altiplano de Pothohar, a unha altura entre 457 m e 610 m, ao sur dos Altos de Margalla, a uns 15 km da cidade de Rawalpindi (antiga capital do país entre 1959 e 1968) e tamén cerca da de Gakhar.
O clima está en parte regulado por tres lagos artificiais (Rawal, Simli e Khanpur), mais é con todo un clima extremo, con veráns moi calorosos e con choivas monzónicas en xullo e agosto; os invernos son moi fríos con nevaradas frecuentes sobre os altos e máis raras na cidade. As temperaturas oscilan entre un mínimo de -3,9 °C en xaneiro e un máximo de 46,1 º no mes de xullo.