A zona estivo habitada durante miles de anos por pobos indíxenas. No momento do encontro europeo, os pobos napeano e iquito ocupaban a zona. Tiñan pequenos asentamentos estacionais e eran cazadores-recolectores nómades, que vivían en estreita asociación cos ríos. O nome da cidade de Iquitos deriva dun grupo de indíxenas chamados iquitos polos españois. Antes habitaran zonas ao longo dos ríosPastaza, Arabela, Tigre, Nanay e Curaray. Finalmente, os nativos iquitos emigraron á zona arredor dos ríos Nanay, Amazonas, Itaya e o lago Moronacocha. Entre 1638 e 1769, os iquitos e outras tribos nativas víronse na obriga de establecerse en diversas misións (coñecidas como reducións) fundadas e dirixidas por misioneiros xesuítas.
Foi unha das cidades protagonistas, xunto con Manaus e Belém,[5] da Febre do Caucho (1880-1914). Este período europeizouna en diferentes niveis, no económico e social. Esta identidade perdurou na arquitectura, e no presente fomentou un crecente turismo. Converteuse nunha cidade importante de fortes raíces amazónicas cun notable centro histórico, unha gastronomía de seu e un crecente movemento cultural. En 2012, rexistrou 250 000 visitantes e recibiu máis despois de que a selva amazónica se convertese nunha das sete marabillas naturais do mundo.[6][7]
Segundo o censo de 2007, entre o 60% e o 80% da poboación de Iquitos era indíxena ou considerábase descendente de indíxenas. É dicir, a poboación indíxena está formada por aproximadamente 220 a 300 mil habitantes, procedentes principalmente dos pobos bora, witoto, yagua, ticuna, ocaina, e especialmente cocama e kichwa. A maioría dos indíxenas que viven permanentemente na cidade non expresan publicamente a súa identidade étnica, aínda que o fan dentro das súas propias redes sociais ou entre os seus amigos.[11] A tímida autoafirmación da identidade nativa débese principalmente á discriminación étnica que se xerou cara a eles durante décadas.[11] Porén, durante as protestas e manifestacións, visten traxes tradicionais para facer valer os seus dereitos.[11]
Transporte
A cidade só ten conexión aérea e fluvial co resto do país e coa única excepción da ruta departamental LO-103 (denominada polo sur como Vía Interprovincial Iquitos—Nauta), unha longa estrada que une Iquitos con Nauta polo sur e outras vilas ao norte ata chegar a San Antonio del Estrecho.[12] Seguindo o curso do Amazonas, poden chegar buques mariños de 3 000 ou 9 000 toneladas[13] e 5,5 m de calado, procedentes do océano Atlántico, polo que se considera que é a cidade máis poboada do mundo que non ten acceso terrestre ao mar. Pola súa localización xeoestratéxica, é un importante porto interno que posibilita a conexión entre o océano Pacífico e o océano Atlántico.
Notas
↑Club de esturidantes de turismo (2009). "Iquitos. Historia". tourismofficialguide.es.tl(en castelán). Consultado o 6 de outubro de 2024.
↑Oficina General de Planeamiento y Presupuesto (agosto de 2009). "Mapa Vial: Loreto 16"(PDF). Ministerio de Transporte y Comercio. Arquivado dende o orixinal(PDF) o 12 de xuño de 2012. Consultado o 21 de setembro de 2012.
↑Amazonuk.encarta.msn.com. Consultado o 7 de setembro de 2012. 31 de outubro de 2009.