Inveravante

Inveravante é unha corporación de ámbito privado e familiar, fundada en 2007 na Coruña por Manuel Jove, despois de que este empresario vendese a a súa empresa FADESA a Fernando Martín e abandoase —momentaneamente, e por lei— os negocios inmobiliarios.[1]

A corporación é un grupo integrado por 60 sociedades, está presidida por Manuel Jove, que posúe a totalidade do capitsl e o dirixe persoalmente, e os seus fillos Manuel Ángel e Felipa son os vicepresientes.[1][2]

Sedes e persoal

A corporación ten a súa sede central na avenida Linares Rivas, nº 1, baixo - 15005 A Coruña, e delegacións en Madrid, Casablanca (Marrocos), Cidade de México (México), Bucarest (Romanía), Santo Domingo (República Dominicana) e Fortaleza (Brasil), e dá emprego a máis de 800 traballadores directos.[3]

Actividades

As principais divisións de Inveravante céntranse nos sectores inmobiliario, hoteleiro, de produtos agroalimentarios selectos e a enerxía. Ademais, como compromiso social, impulsa diversas actividades a través da Fundación María José Jove.[3]

Desde que a corporación botou a andar, en 2008, o conglomerado de empresas medrou de maneira exponencial no sector agroalimentario, especialmente no subsector vitivinícola, e no inmobiliario pero, sobre todo, no enerxético onde, a pesar de que en 2013 Jove vendeu a petroleira colombiana Vetra, mantén aínda unha participación importante, concretamente, o 44 %, en PMG Metro (na práctica, Vetra México). As principais plataformas de crecemento de Avantegenera (unha das cinco 'patas' da corporación) encóntranse en Suramérica, Norteamérica, Centroamérica, Europa Oriental e España. En Romanía ten catro centrais de biomasa e catro parques eólicos, o maior dos cales ten unha potencia instalada de 54 MW.[1]

A través de Avantespacia vertébrase a área inmobiliaria, na que se constata a atracción especial que Manuel Jove sempre tivo por Marrocos. Levou a cabo dous proxectos, un en Casablanca e outro en Tánxer, no que desenvolveu un proxecto en 236 000 m2 nun complexo que inclúe apartamentos, dous hoteis, un edificio de oficinas e un centro comercial e de lecer.[1]

Porén, dimunuíron as participacións directas empresariais. No 2008 a coproración participaba en Cetsa, Crecentia Galicia, Take a Wok e Blusens. Pero só mantén o 15 % do seu investimento en Medios Audiovisuales Gallegos (hoxe Medios Audiovisuales de Galicia, creada pola Corporación Voz de Galicia, que é o socio maioritario, cun 67 % do capital)[4] e en Caramelo, onde foi incrementando a súa presenza até posuír o 92,5 % das accións (o outro 7,5 % está en mans da Xunta de Galicia). Entre as participacións financeiras destacadas figura o 2,75 % do BBVA do que chegou a ter o 5 %.[1]

A Fundación María José Jove

Se algo ten relevancia para Jove é unha institución que está fóra do conglomerado societario da corporación, a Fundación María José Jove, que fundouo en 2003 na memoria da súa filla falecida prermaturamente. A súa irmá Felipa é a que dirixe a fundación, cuxa actividade principal está centrada no ámbito da infancia e a discapacidade. Entre outras accións, a fundación financiou desde investigacións até foros recoñecidos no ámbito internacional.[1]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Jove y su imperio de 4.000 millones. Consultada o 11 de setembro de 2018.
  2. Felipa Jove: «El secreto del éxito está en la humildad». ABC, 22/04/2015. Consultada o 10 de setembro de 2018.
  3. 3,0 3,1 Invreavante. Contacto. Consultada o 10 de setembro de 2018.
  4. Constituida la compañía Medios Audiovisuales Gallegos S. L. para desarrollar el canal autonómico de televisión de La Voz. La Voz de Galiicia, 31/01/2008. Consultada o 11 de setembro de 2018.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas