Outras formacións, como Jaleo!!!, Endavant ou Nós-Unidade Popular, tamén apoiaron esta candidatura malia non participaren nela. Ademais, o antigo voceiro de Batasuna, Arnaldo Otegi, pediu publicamente o voto para a lista[8], xa que recollía os criterios da esquerda abertzale de cambio social, autodeterminación e final dialogado da violencia. Porén, precisou que non era a súa lista, senón que tan só estaba de acordo cos principios da mesma.
Guillerma Silva Díaz, representante de CCOO no sector da automoción. Membro do comité de empresa de Magneti Marelli Electrónica SL dende 1989. Foi candidata da coalición GPOR-PST (LVS) ao Parlamento Europeo en 1994.
José Estrada Cruz, foi candidato de Nosaltres Som-Assemblea d'Unitat Popular (N.SOM-AUP) ao concello de Tarragona no 2007. Foi concelleiro do PSUC no Concello de Tarragona e secretario xeral de CCOO da comarca de Tarragonès. Foi expulsado do sindicato por proporcionar un local para a candidatura Herri Batasuna nas europeas nos noventa. Tras iso, integrouse na CGT.
O Tribunal Supremo do Estado Español, a instancias do goberno do PSOE, anulou esta candidatura por 11 votos a favor e 5 en contra, ao consider que, na súa opinión, estaba promovida pola esquerda abertzale (considerada pola xustiza española como "entorno" da organización armada Euskadi Ta Askatasuna)[9]. Na candidatura non había ningún vasco.
As reaccións non se fixeron esperar por parte de II, que presentou unha querela criminal[10] contra os ministros do goberno español Alfredo Pérez Rubalcaba e Francisco Caamaño por difamación, así como tamén tentou contrarrestar a sentenza do Tribunal Supremo recorréndoa perante o Tribunal Constitucional.
Diversas personalidades da cultura galega[11], española e mais o premio Nobel da Paz arxentino Adolfo Pérez Esquivel, fixeron público o seu apoio á candidatura encabezada pos Alfonso Sastre, mediante cartas ou manifestos[12]. Izquierda Anticapitalista[13], Nación Andaluza[14], PCPE[15], PCPG e FPG tamén se solidarizaron coa candidatura e esixiron a revogación do auto do TS.
Finalmente, o Tribunal Constitucional concedeu amparo a Iniciativa Internacionalista, concluíndo que:
[...] a insuficiente entidade probatoria dos indicios manexados polo Tribunal Supremo non pode xustificar o sacrificio dos dereitos fundamentais de participación política en termos de igualdade e de libre defensa e promoción da propia ideoloxía.
A decisión do TC non sentou ben no eido político do nacionalismo español. A voceira do Partido Popular no Congreso dos Deputados, Soraya Sáenz de Santamaría calificouna de "profundo erro" e "paso atrás", e diversos membros do PP manifestaron opinións semellantes[17]. Ramón Jáuregui, número 2 da lista do PSOE nas eleccións europeas, manifestou que respectaba a sentenza, mais considerou que había elementos probatorios da vinculación con Batasuna, e na mesma liña pronunciáronse outros dirixentes do partido[18]. Dende Izquierda Unida, Cayo Lara mostrouse satisfeito, como fixeron tamén PNV, Eusko Alkartasuna, Aralar e ERC. Pola súa parte, Rosa Díez (UPyD), dixo acatar a sentenza, mais cualificouna de "mala nova" e manifestou:
É unha mágoa que non atopasen fundamento xurídico dabondo como para saber que esa é unha candidatura trufada por ETA.
Finalmente a candidatura obtivo 175.895 votos (1,12 %), con destacados resultados no País Vasco[20]. Foi a sétima candidatura en número de votos, e a primeira das que non obtiveron representación.
En Galiza tamén foi a sétima candidatura en número de votos, con 3.373 (0,31 %)[21].