Inglourious Basterds é unha coprodución estadounidense-alemá de 2009 escrita e dirixida por Quentin Tarantino. Está protagonizado por Brad Pitt, Christoph Waltz, Diane Kruger, Michael Fassbender e Eli Roth. O filme conta unha historia alternativa de dous complots de asasinato dos líderes políticos da Alemaña nazi, un planeado por unha xudía francesa propietaria dun cinema, e outro por un equipo de soldados xudeu-americanos liderados polo Tenente Aldo Raine. O título do filme foi inspirado polo director Enzo G. Castellari, director de The Inglorious Bastards (1978).
Tarantino escribiu o guión en 1998 pero debatíase co final e preferiu atrasar a rodaxe para traballar no filme de dúas partes Kill Bill. Despois de dirixir Death Proof en 2007, Tarantino volveu ó traballo de Inglourious Basterds. Unha coprodución entre os Estados Unidos e Alemaña, a fotografía principal do filme comezou en outubro de 2008 e foi rodado en Alemaña e Francia cun orzamento de $75 millóns. Inglourious Basterds estreouse o 20 de maio de 2009, no 62º edición do festival de Cannes.
Sinopse
Segunda guerra mundial. Durante a ocupación de Francia polos nazis, Shosanna Dreyfus (Mélanie Laurent) presencia a execución da súa familia por orde do coronel Hans Landa (Christoph Waltz). Ela logra fuxir a París, onde adopta unha nova identidade como propietaria dun cine. Noutro lugar de Europa, o tenente Aldo Raine (Brad Pitt) adestra un grupo de soldados xudeus ("The Basterds") para atacar obxectivos concretos. Os homes de Raine e unha actriz alemá (Diane Kruger), que traballa para os aliados, deben levar a cabo unha misión que fará caer os xefes do Terceiro Reich. O destino quere que todos se atopen baixo a marquesiña do cine onde Shosanna tamén planea acabar cos líderes nazis.
Personaxes
Galardóns e nomeamentos
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas