A illa ten 15,3 hectáreas e o seu nome provén da raíña Isabel II de España. Está constituída fundamentalmente por andesitas piroxénicas. Na zona non ocupada pola base militar, cuxa superficie rolda a metade da illa, acháronse 58 especies botánicas distintas.
Poboación
É a única illa habitada das tres. Aínda que chegou a contar cunha poboación próxima aos mil habitantes, na actualidade só se atopa nela unha gornición militar, ademais de persoal do Ministerio de Medio Ambiente de España, por ser as illas un Refuxio Nacional protexido pola riqueza das súas especies naturais.
Durante os meses de verán vive tamén na illa un grupo de arqueólogos que realizan escavacións no xacemento neolítico descuberto na Illa do Congreso, chamado El Zafrín, do V milenio a.C., encabezados polo Instituto de Cultura Mediterránea.
Edificacións
A illa conta con distintas edificacións de carácter castrense. Ademais, conta con edificios como a igrexa da nosa Señora da Concepción e a Torre da Conquista, ambas de mediados do século XIX, ademais dun faro, construído a principios do século XX.
Igrexa da nosa Señora da Concepción
Ademais dos edificios e instalacións de carácter militar, conta a illa cunha igrexa de nave única de ao redor de 250 metros cadrados construída entre 1851 e 1853 baixo a advocación da Virxe da Concepción, que se atopa actualmente en grave estado de abandono. Foi o vicario interino da igrexa parroquial de Melilla, Bartolomé de Fuentes, quen puxese ás tres illas baixo a advocación da Virxe o mesmo día da ocupación, o 6 de xaneiro de 1848. Foi rehabilitada nunha ocasión, en 1951.[1]