Ildefonso Díez de Rivera y Muro, nado en Granada o 24 de xaneiro de 1777 e finado en Valencia o 26 de xaneiro de 1846[1], foi un militar e político español.
Traxectoria
Familia
Foi fillo de Antonio Díez de Rivera y Fonseca, señor de San Jorge de Calesa, e de Francisca de Paula Muro y Salazar, filla de Pedro Salvador de Muro y Alonso, I marqués de Someruelos, e de Teresa Josefa de Salazar y Morales.
Carreira Militar
Entrou moi novo na escola de artillaría e ao remata-los estudos[2] incorporouse como oficial de artillaría na guerra que España sostiña, como aliada de Francia contra Gran Bretaña, e especialmente na Guerra da Independencia española, destacándose na batalla de Trafalgar e no asedio de Olivenza. Ao remata-la guerra era tenente coronel e en 1815 foi nomeado comandante militar do distrito de Valencia.
Entre 1814 e 1820 foi membro da Loxa Masónica Valenciana.
Participación política
En 1817 foi capturado por orde do xeneral Francisco Javier de Elío e encarcerado na prisión da Inquisición[2] por participar xunto con Beltrán de Lis no fracasado pronunciamento de Vidal, mais a raíz do pronunciamento de Rafael del Riego en 1820 foi liberado polo pobo[2] e, posteriormente, nomeado capitán xeneral de Valencia.
Cando o 1823 o duque de Angulema dirixiu a expedición dos Cen Mil Fillos de San Luís que penetraron en España e restaurou o absolutismo no país, pediúselle que entregar a cidade de Valencia ao que se negou até recibir ordes reais. Ao recibilas entregou a praza e, en previsión de posibles represalias, marchou ao exilio en Bélxica, onde permaneceu ata 1834[2].
Ao seu regreso a España foi nomeado mariscal de campo e foi elixido deputado por Valencia nas eleccións posteriores á proclamación do Estatuto Real de 1834 e, de novo, nas de 1836[1]. Tamén o foi en 1836 por Granada. En 1837, 1841 e 1842, foi senador por Granada e ostentou a presidencia do Senado entre 1841 e 1842[3]. Foi dúas veces ministro de Guerra e dúas máis de Estado nos gabinetes dos presidentes Juan Álvarez Mendizábal e José María Calatrava.
Retirouse da política en 1843 trala caída de Baldomero Espartero, do que foi amigo persoal.
Polo seu matrimonio con Pascuala Valeriola Ortiz de Almodóvar, recibiu o título nobiliario de conde de Almodóvar, cun importante patrimonio en Callosa de Segura, Orihuela, Alacant e Murcia.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas