Para outras páxinas con títulos homónimos véxase:
Breamo.
A Igrexa de San Miguel de Breamo é un edificio relixioso de estilo románico, que é o que queda do mosteiro homónimo. Sitúase na parroquia de Breamo, no concello de Pontedeume, na comarca do Eume, provincia da Coruña. Declarada Monumento Nacional por Decreto do 3 de xuño do 1931.[1]
Situación
Está situada moi preto da capital municipal, Pontedeume, a unha altura duns 300 metros sobre o monte en cuxa ladeira norte se sitúa a antiga vila mariñeira. Pódese chegar á igrexa subindo polo interior da vila ou dende a antiga estrada nacional entrando pola parte superior desta.
Historia
Inda que na actualidade non fican restos do antigo mosteiro, o testemuño máis antigo da súa existencia data do ano 995 (?), nunha doazón que fai San Pedro de Mezonzo ao mosteiro de Santa Eulalia de Curtis.[2] Na fachada principal ou occidental aparece unha inscrición coa data do comezo das obras da actuál fábrica, 1187; inda que existe un documento no Tumbo de Caaveiro que probaría que a construción sería anterior a 1169, ano no que está datada devandito documento.[3] No ano 1236 constaba coma Priorado dos Cóengos Regulares de Santo Agostiño a que pertenceu, polo menos, até o ano 1569.[4] Avanzado o século XVIII deixa de ser priorado e intégrase coma ermida na parroquia de San Pedro de Vilar.
Arquitectura
Interior
A planta da igrexa evidéncianos as grandes irregularidades que presenta respecto a unha teórica malla reguladora rectangular. É de planta de cruz latina, cunha nave principal de dous tramos cuberta por bóveda de canón apuntada e outra de cruceiro dun tramo cada brazo, cubertos con bóvedas de canón semicirculares. O encontro entre ambas as naves resólvese cunha sinxela bóveda de cruzaría cun pequeno florón central, pero que é unha das máis antigas de Galiza. Posúe tres ábsidas semicirculares rematadas por bóvedas de cascarón, a central precedida dun tramo rectangular cuberto por bóveda de canón de igual directriz que os arcos triunfais; estes son semicirculares e érguense sobre semicolumnas pegadas con capiteis de variada ornamentación e bases teóricas. Salienta a pequena arquería en que se abren as tres xanelas da ábsida principal. Conserva unha antiga imaxe do Arcanxo Miguel.
Exterior
O exterior impresiona pola sinxeleza e pureza das súas liñas románicas. A fachada principal presenta unha portada moi elemental composta por un arco semicircular integrado no seu mesmo plano, que conforma unha pequena bóveda de canón en que se abre a porta. O conxunto está enmarcado por catro sólidos contrafortes coroados por un tonachuvias de pedra que se apoia tamén en dous canzorros sobre o arco da porta. Salienta moito máis que esta o gran rosetón que se abre enriba do tornachuvias, organizado a partir de múltiplos de tres. Os testeiros ofrecen un aspecto similar, mais máis sinxelo, o do norte con outro rosetón e o do sur cunha fiestra de medio punto no seu lugar. As ábsidas ofrecen o aspecto clásico das cabeceiras románicas, a principal con ocos sinxelos de medio punto en que se abren as xanelas e as laterais con seteiras. Destacan os canzorros que coroan todos os muros e as ábsidas da igrexa, con variados motivos ornamentais entre os que resaltan os antropomorfos e animais.
Galería de imaxes
-
San Miguel de Breamo.
-
San Miguel de Breamo.
-
Ábsida.
-
Rosetón.
Notas
- ↑ PXOM de Pontedeume
- ↑ Freire Camaniel, José (1998). El Monacato gallego en la alta Edad Media (en castelán). Fundación de Pedro Barrié de la Maza. p. 648.
- ↑ "San Miguel de Breamo". Eume turismo. Consultado o 24 de decembro do 2015.
- ↑ Castillo López, Ángel del (1987). Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia (en castelán). Editorial de los Bibliófilos Gallegos. p. 75.
Véxase tamén
Ligazóns externas
|
---|
Igrexas | |
---|
Castelos | |
---|
Outros edificios | |
---|
Pontes | |
---|
Parques e espazos naturais | |
---|
Praias | |
---|