Ignacio Alabart González, nado na Coruña o 9 de abril de 1996, é un xogador de hóckey a patíns galego, que xoga de defensa-medio no FC Barcelona da OK Liga. Internacional absoluto coa selección española, conquistou con esta dous Campionatos do Mundo (2017 e 2024) e tres Campionatos de Europa (2018, 2021 e 2023).
Traxectoria
Naceu na Coruña, nunha familia moi vencellada ao hóckey a patíns. Seu pai é o catalán Kiko Alabart, histórico xogador do HC Liceo.[1] Seu avó materno foi Antonio González, que xogou no Deportivo da Coruña, tanto na sección de fútbol como na de hóckey, e que foi tamén presidente do propio Deportivo, da Federación Galega de Patinaxe, da Federación Española de Patinaxe e primeiro mandatario da CERS.[2] Ademais seus tíos Antonio, Ignacio e Jorge González, xogaron na época dourada do Dominicos, e os seus curmáns Jorge e Antonio González tamén son xogadores de hóckey.[3][4]
Formouse dende os 5 anos no Compañía de María, co que gañou o Campionato de España infantil en 2008.[5] En 2012 chegou á Masía para militar nas categorías inferiores do FC Barcelona. O seu debut co primeiro equipo chegou o 5 de maio de 2013, con 17 anos, nun partido contra o Blanes na OK Liga. Continuou compaxinando o equipo xuvenil co filial e co primeiro equipo durante as seguintes dúas tempadas. Na tempada 2014/15 gañou o Campionato de España júnior co equipo xuvenil, anotou 33 goles co filial na Primeira Nacional e debutou na Liga Europea co primeiro equipo, contra o Dinan Quevert.[6][7] No verán de 2015 foi cedido ao CP Voltregà, onde colleu experiencia durante dous anos.
No ano 2017 volveu ao cadro do FC Barcelona. Dende entón foi un fixo das aliñacións do equipo barcelonés, co que gañou na súa primeira tempada catro títulos: Supercopa de España, Copa do Rei, OK Liga e Liga Europea.[8] Gañou outros catro títulos ao ano seguinte, comezando pola Copa Continental e a Intercontinental (derrotando en ambas ao FC Porto) e rematando coa Copa e a Liga. Na tempada 2019/20 gañou a súa terceira liga consecutiva, despois de que a tempada acabase precipitadamente por mor da pandemia por coronavirus, revalidando o título outra vez ao ano seguinte.
Selección nacional
En 2012 gañou coa selección galega sub-16 o Campionato de España de seleccións autonómicas.[9] O mesmo ano foi convocado coa selección española sub-17 para disputar o Campionato de Europa, que acabou conquistando o equipo español. En 2014 foi subcampión do mundo sub-20.
En 2017, xa coa selección absoluta, proclamouse campión do mundo en Nanjing, tras derrotar na final a Portugal,[10] mentres que ao ano seguinte gañou o Campionato de Europa e a Copa Latina.[11][12] En 2021 revalidou o título europeo na cidade portuguesa de Paredes, despois de derrotar na final a Francia e fixo o mesmo no 2023, superando desta vez na final a Portugal.[13]
En 2024 foi convocado por Guillem Cabestany para a disputa do Campionato do Mundo en Novara, na que foi a súa terceira participación nun Mundial. Tras eliminar a Suíza en cuartos de final e a Portugal nas semifinais, enfrontouse na final á vixente campioa, a Arxentina, coroándose Alabart por segunda vez tras gañar por 2-1.[14]
Palmarés
FC Barcelona
- Liga Europea (1): 2017/18.
- Copa Intercontinental (1): 2018.
- Copa Continental (1): 2018.
- OK Liga (6): 2017/18, 2018/19, 2019/20, 2020/21, 2022/23, 2023/24.
- Copa do Rei (5): 2017/18, 2018/19, 2021/22, 2022/23, 2023/24.
- Supercopa de España (4): 2017, 2020, 2022, 2023.
Selección española
Selección española sub-17
- Campionato de Europa sub-17 (1): 2012.
Selección galega sub-16
- Campionato de España de seleccións autonómicas (1): 2012.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas