Para outras páxinas con títulos homónimos véxase:
Iñobre.
Iñobre é un lugar da parroquia de Taragoña no concello coruñés de Rianxo, na comarca da Barbanza. Segundo o padrón municipal (INE 2013) ten 66 habitantes (29 homes e 37 mulleres). Extrema ó norte cos lugares do Cruceiro e do Castriño, ó leste cos da Senra e do Burato, ó sur coa ría de Arousa e ó poñente coa desembocadura do río Beluso -onde forma o seu cabo mais setentrional-.
Patrimonio
A capela de San Xoán Bautista de Vista Real foi edificada en 1625 probabelmente sobre outra xa existente, e pertenceu ó pazo dos Caamaño, xa desaparecido. Actualmente a pequena capela é de propiedade particular. Está formada por un único corpo con bóveda de canón; a cuberta é de tella a dúas augas. As súas medidas máximas no exterior son 6,35 m de anchura e 8,75 m de fondura.
O cruceiro das Neves é un cruceiro de capela carente de plataforma e pedestal. O seu fuste é de sección cadrada con chafráns. A Cruz tamén de sección cadrada con chafráns nos brazos. O Cristo ten as mans abertas, coroa de espiñas, nimbo crucífero, pano de pureza sen nós e cartela de INRI. A capela carece de ornamento. É de base troncopiramidal invertida, tellado a catro augas e teito plano. Na base da capela hai un anxo con ás e no interior a Virxe pregando.
É terra de pazo, capela, fontes, pombais, cruceiro, graneiras e praias.
Lugares e parroquias
Lugares de Taragoña
Parroquias de Rianxo