Santa Baia do Araño é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Rianxo. Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 1.372 habitantes (667 homes e 715 mulleres), distribuídos en 25 entidades de poboación, o que reflicte unha diminución en relación ao ano 2004, cando tiña 1.512 habitantes, e ao ano 1999, cando tiña 1.655 habitantes.
Xeografía
A parroquia está cruzada polo río Té e mailos regatos de Batán e do Muíño do Conde. O pico Muralla, con 678 metros de altitude, é o punto máis alto do seu termo, seguido polo Castro Barbudo, con 327 metros.
Patrimonio
Xunto á casa reitoral da parroquia atópase o meirande hórreo de toda Galicia [2], en canto a lonxitude (36,75 metros a cámara e 37,05 m o celeiro, con 2,40 m de alchura e 2,70 m de altura media) e capacidade (cámara 109,31 m³, celeiro 59,09 m³). Foi construído a mediados do século XVII.
Tamén é salientable o Pazo dos Calotes, actualmente en restauración.
Próximo á igrexa atópase o castro de Araño, no que se acharon muíños de man e restos de cerámica.
O Araño na cultura popular galega
- Araño, meu Arañiño/ Na parroquia do Araño/ teño todo o meu cariño [3].
- As mociñas do Araño/ mentras os máis van á misa,/ quedan na corte coas vacas/ rillando palla maísa.
- Eu caseime no Araño/ co fillo dun arañón,/ pensando que non pasaba fame/ o forno da miña sogra cría silvas no verán.
- Eu de onde estou ben vexo/ as rabizas en Teaio,/ tamén vexo os meus amores/ na arrechán de Araño [4].
Galería de imaxes
- Vexa o artigo principal en Galería de Imaxes do Araño, Rianxo
Lugares e parroquias
Lugares do Araño
Parroquias de Rianxo
Notas
- ↑ 1,0 1,1 DECRETO 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña.
- ↑ http://portelo.rianxo.com/index.php?idMenu=374&idIdioma=2 Arquivado 16 de agosto de 2009 en Wayback Machine. O hórreo máis grande.
- ↑ Fermín Bouza Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 202.
- ↑ Teaio é lugar da parroquia de San Xoán de Laíño, estremeira coa do Araño (Rianxo). As rabizas son as follas tenras do nabo. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 202. No texto: Teayo.
Véxase tamén
Outros artigos
Bibliografía
- BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204.