A especie Hypsipetes amaurotis é unha ave asiática paseriforme de mediano tamaño da familia dos picnonótidos (chamados ás veces bulbul), que se encontra no oriente distante de Rusia (incluíndo Karafuto (ou Sakhalin)), noroeste da China, a península de Corea, e o Xapón, sur de Taiwán e nas cadeas de illas Babuyán e Batanes no norte de Filipinas, vista ocasionalmente tamén na illa filipina de Luzón. É unha especie extremadamente común na parte norte da súa área de distribución e é unha ave corrente no Xapón, onde se lle chama hiyodori (ヒヨドリ), e Corea, onde se denomina jikbakguri (직박구리). Ao contrario, en Taiwán, é rara e está limitada á Illa Orquídea[1].
A súa lonxitude é duns 28 cm, ten cor marrón cincenta, con cara marrón (que lle dá o aspecto de ter orellas marróns) e unha longa cola. Aínda que prefire zonas boscosas, adáptase rapidamente a ambientes urbanos ou rurais, e os seus chíos ruidosos e estridentes son familiares en moitas áreas do Xapón.
Historicamente, esta especie era unha ave migratoria que se movía á parte sur da súa área de distribución en inverno, pero nas últimas décadas moitas poboacións están aproveitándose dos cambios nas prácticas agrícolas e nas colleitas para invernar en áreas máis ao norte do que adoitaban. Como resultado, hoxe son consideradas unha praga agrícola en certas zonas do Xapón. Non obstante, a maioría dos individuos seguen movéndose ao sur en inverno, xeralmente formando enormes bandadas durante a migración. En verán, aliméntanse principalmente de insectos, pero en inverno e outono comen maiormente froita e sementes.
Gray, G.R. (1840): A list of the genera of birds with an indication of the typical species of each genus compiled from various sources (1st edition): 28. Londres. Available at Gallica (busca de "Gray")
Gregory, Steven M. (2000): Nomenclature of the Hypsipetes Bulbuls (Pycnonotidae). Forktail16: 164-166. PDF texto completo
Moyle, Robert G. & Marks, Ben D. (2006): Phylogenetic relationships of the bulbuls (Aves: Pycnonotidae) based on mitochondrial and nuclear DNA sequence data. Mol. Phylogenet. Evol.40(3): 687-695. doi10.1016/j.ympev.2006.04.015 (resumo HTML)
Oliveros, C. H., e R.G. Moyle. 2010. Origin and diversification of Philippine bulbuls. Molecular Phylogenetics and Evolution 54: 822–832.