Heredeiros da Crus

Heredeiros da Crus
OrixeRibeira, Galiza Galicia
Período1992−2005
2012−presente
Xénero(s)rock
Selo(s) discográfico(s)Xurelo Roxo, Boa
MembrosJavi Maneiro
Antonio Novo Suárez
Tonhito de Poi
Francisco Javier Velo Cambeiro
Manu Rey
Antigos membrosAvelino Ares
José Manuel Santamaría Medín
Marcos Otero
Pedro Rodríguez
Na rede
Facebook
Facebook: heredeirosdacrusOFISIAL BNE: XX194025 Musicbrainz: 72c5ce52-b9fe-4feb-918a-b6aa23cee2bc Songkick: 401298 Discogs: 1815650 Editar o valor en Wikidata

Os Heredeiros da Crus son unha banda de rock do Barbanza formada a comezos dos anos 90.

Caracterízanse polo seu uso da variante do galego local (gheada, seseo) no seu rexistro máis popular, chegando ás veces ao castrapo, e polas súas letras a ritmo de rock setenteiro.

Historia

Inicios e primeiro disco (1992-1994)

Os Heredeiros da Crus creáronse en Castiñeiras (Ribeira) no ano 1992 por iniciativa de Tonhito de Poi. A banda compoñíana un grupo de cinco rapaces: Tuchiño (guitarra e voz), Tonhito de Poi (guitarra rítmica e "corros"), Javi Maneiro (O fillo da Necha, voz), Avelino, (batería) e Juan (baixo).[1] Ensaiaban nun galiñeiro e nese mesmo ano deron o seu primeiro concerto ao aire libre na festa da Dorna,[2] tras enganar á comisión de festas dicíndolle que eran un grupo de folk.[3] Pouco despois o baixista, que poucas veces se presentaba a ensaiar, foi substituído por Francisco Velo (O Jran Fran).[4] Posteriormente o posto de batería sufriría numerosos cambios, Avelino marcharía e deixaría paso a Medín, o batería que máis tempo estivo co grupo. Posteriormente pasaron polo grupo os baterías Marcos Otero, Pedro Rodríguez-Trelles e Manu Rey.

No ano 1994 conseguiron gravar o seu primeiro álbum A cuadrilla de Pepa a loba, non sen problemas pois coñécense dúas versións deste traballo, a segunda -de BOA music-, a máis estendida, foi editada sen o polémico tema "Bisté de solomillo". Tamén nese ano pasaron de tocar nos bares a dar un histórico concerto en Castrelos, diante de máis de 20.000 persoas.[5][6][7]

Consolidación e éxito (1995-2004)

Cun novo representante gravaron o CD ¡¡Está que te cajas!!, no ano 1995. Na primeira canción deste álbum conseguiron a colaboración de Rosendo Mercado -que estaba a gravar no mesmo estudio e accedeu amablemente- na canción "Frenaso no calsonsillo". O produtor deste álbum foi Segundo Grandío, baixista de Siniestro Total.

Tamén no 1995 colaboraron con dúas cancións para o Xabarín Club da TVG que se incluíron no disco 1-2 de A cantar con Xabarín, "O porquiño" e "¡Que jallo é!", desta última fíxose un videoclip[8] que lle deu gran fama ao grupo e pasou a formar parte indispensable dos seus concertos. No ano seguinte colaboraron co tema "Íscalle Lura" do que tamén se fixo un videoclip e foi incluído no volume 3-4. Colaboraron tamén en L'asturianu muévese, un disco na defensa da lingua asturiana, no que participaron ademais grupos como Os Diplomáticos de Monte-Alto, Dixebra, Boikot, Siniestro Total ou Los Enemigos.

O seu seguinte traballo foi Criatura un maxi-single de só 4 cancións. Non moito despois apareceu Des Minutos, disco que tamén foi editado en dúas quendas, saíndo na primeira delas unha canción cantada pola nai de Tonhito de Poi, titulada "Santo Dominjo".

No ano 1999 gravan outro traballo, Erecsiones munisipales, máis depurado no referente á música e que presenta unha homoxeneidade temática, pois tódalas letras xiran en torno á historia ficticia de Virgilio Mendes, candidato á alcaldía. No ano 2000 os Heredeiros pasan a ser o primeiro grupo de rock en galego que grava un dobre directo: All right Chicago,[9] un dobre CD cos mellores éxitos do grupo gravados na festa da Dorna de Ribeira, e producido novamente por Segundo Grandío. No 2001 aparece Recambios Tucho un CD non editado con versións de cancións famosas da historia da música, non autorizadas polos seus autores.

Durante doce anos os Heredeiros gañaron unha gran fama a nivel galego, actuando por toda a xeografía galega e mesmo fóra, en lugares coma Madrid, Barcelona, Vitoria, Sevilla, Granada, Porto, Lisboa, Londres ou Nova York.[10][11] Nas súas cancións destacan o uso da gheada e do seseo e as letras desenfadadas, en ton humorístico, e en ocasións de temática sexual, que levantaron máis dunha polémica con grupos feministas e do clero.[12] Nos concertos prima o espectáculo e a provocación,[10] non sendo estraño algún striptease de Tonhito de Poi.[13]

Separación (2005-2012)

No ano 2005 houbo un alto na actividade dos Heredeiros. Nese ano, Tonhito de Poi deixou o grupo para embarcarse nun novo proxecto musical, A Banda de Poi, xunto con outros músicos galegos e portugueses.[14] Tras numerosos problemas a banda disolveuse e Tonhito creou outro grupo: Tonhito de Poi e Rasa Loba.[15]

Por outra banda, Javi Maneiro tamén formou outro grupo, Jabón Blue, no que pasou a cantar en castelán e co que gravou catro discos, ata a súa separación.

Tamén Tuchiño comezou unha carreira fóra dos Heredeiros, primeiro colaborando con Jabón Blue, substituíndo a un dos seus integrantes durante un tempo, e logo formando a súa propia banda, Recambios Tucho, que recibe o mesmo nome que aquel disco de versións dos propios Heredeiros.[16]

Por último, Fran Velo traballou como guionista en diversos programas da TVG, mentres continuou no mundo da música coa banda de versións Mustang e logo como baixista de The Lákazans.[4]

Regreso e novo disco (2013 - 2018)

A principios de 2012 deron a coñecer o seu regreso mediante unha serie de vídeos de título Volven os máis jrandes, nos que personaxes famosos de Galicia como Morris, Touriñán ou RIcardo de Barreiro, falaban do regreso dos "máis grandes", sen dicir nunca o nome do grupo.[17] Pouco despois anunciaron un concerto en Ordes para o 3 de marzo de 2012, na discoteca LP45.[18] As 3.500 entradas esgotáronse en 48 horas[19] e o concerto foi un grande éxito, polo que o que ía ser un único concerto de reunión[20] acabou por converterse nunha xira e na volta definitiva da banda.

En 2013 publicaron un novo disco de estudio, Jard rock con fe e nos seguintes anos xiraron de novo por toda Galicia e fóra dela (Madrid, Barcelona, Bilbao ou Ponferrada foron algúns dos lugares onde actuaron).[21]

Derretidos e nova xira (2019 - actualidade)

O 11 de outubro de 2019, e despois de seis anos dende o último, publicaron novo disco, Derretidos, o décimo álbum da banda. Así mesmo, anunciaron unha nova xira chamada "Europrea", con concertos entre outros lugares en Santiago, Madrid, Arrecife, Londres e Xenebra.[22]

O grupo tivo que suspender a xira de 2022 logo dun problema cardiovascular do seu cantante, Javi Maneiro, durante un concerto en Pantón, a mediados de agosto[23][24].

Membros

Formación actual

* Javi Maneiro Voz
* Antonio Novo Suárez "Tuchiño" Guitarra, voz
* Tonhito de Poi Guitarra rítmica, voz
* Francisco Javier Velo Cambeiro "O Jran Fran" Baixo
* Manu Rey Batería

Outros membros

* Avelino Ares Batería (1992)
* José Manuel Santamaría Medín Batería (1992-2000)
* Marcos Otero Batería (2000−2003)
* Pedro Rodríguez Batería (2004−2005)

Discografía

Álbum Ano Selo Notas
A cuadrilla de Pepa a loba 1994 Xurelo Roxo, BOA álbum
¡¡Está que te cajas!! 1995 Xurelo Roxo álbum
Criatura 1997 Forza Discos EP
Des Minutos 1997 BOA álbum
Erecsiones munisipales 1999 Grupo Salvaje álbum
All Right Chicago (Rock'n'Roll) 2000 BOA ao vivo
Recambios Tucho 2001 autoeditado versións
Chicarrón 2004 Phonos álbum
Heredeiros da Crus - 20 aniversario 2012 Airapro DVD ao vivo
Jard rock con fe 2013 Airapro álbum
1992 - 1999 2016 BOA, Altafonte recompilatorio
Derretidos 2019 Dotbeat álbum

Notas

  1. "«Os Heredeiros da Crus cambiáronme a vida por completo»". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de setembro de 2011. Consultado o 11 de outubro de 2019. 
  2. "Heredeiros da Crus saca disco tras 6 anos e actuará en Londres e Suiza". El Correo Gallego. 8 de outubro de 2019. Consultado o 11 de outubro de 2019. 
  3. S. Montes, Santiago (25 de setembro de 2018). "Unha epopea rock desde o Barbanza". Consultado o 14 de outubro de 2019. 
  4. 4,0 4,1 "Fran Velo: “O rocanrol dáme a vida, e creo que a case todo o mundo”". 25 de xuño de 2013. Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2019. Consultado o 11 de outubro de 2019. 
  5. "O reencontro de Tony Lomba e Elio dos Santos con Heredeiros da Crus". 5 de marzo de 2019. Consultado o 11 de outubro de 2019. 
  6. "A Dorna y Castrelos, sus escenarios más emblemáticos". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de maio de 2009. Consultado o 11 de outubro de 2019. 
  7. ""Pasamos de tocar en bares a actuar en Castrelos para 20 mil persoas. Levantei a cabeza e tremíanme as pernas"". Praza.gal. 26 de febreiro de 2012. Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2019. Consultado o 11 de outubro de 2019. 
  8. Heredeiros da Crus. A música do Xabarín: "¡Pero que jallo é!" (Youtube). Consultado o 11 de outubro de 2019. 
  9. "Heredeiros da Crus lanzan o primeiro directo de rock feito en galego". 6 de outubro de 2000. Consultado o 11 de outubro de 2019. 
  10. 10,0 10,1 "Roqueros con geada y seseo". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de maio de 2009. Consultado o 11 de outubro de 2019. 
  11. "Entrevista a Fran Velo". 12 de maio de 2001. Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2011. Consultado o 11 de outubro de 2019. 
  12. "Heredeiros da Crus regresan en su XX aniversario tras ocho años de silencio". El Mundo (en castelán). 2 de marzo de 2012. Consultado o 24 de setembro de 2019. 
  13. "Noia vibró en su noche de rock". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de agosto de 2000. Consultado o 11 de outubro de 2019. 
  14. "Tonhito de Poi deja Heredeiros da Crus para crear su grupo". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de marzo de 2005. Consultado o 14 de outubro de 2019. 
  15. "Tonhito de Poi faise de 'rasa loba'". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de outubro de 2007. Consultado o 14 de outubro de 2019. 
  16. "Recambios Tucho homenajeará a los grandes del rock". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de agosto de 2009. Consultado o 11 de outubro de 2019. 
  17. "El «reghreso» del rock bravú: vuelven Heredeiros da Crus" (en castelán). 19 de xaneiro de 2012. Consultado o 11 de outubro de 2019. 
  18. "Heredeiros da Crus vuelven a los escenarios por su 20 aniversario". El Mundo (en castelán). 19 de xaneiro de 2012. 
  19. "El ‘jran día’ de Heredeiros". El País (en castelán). 2 de marzo de 2012. Consultado o 11 de outubro de 2019. 
  20. "Os Heredeiros da Crus volven aos escenarios para celebrar o seu 20 aniversario". 20 de xaneiro de 2012. Consultado o 11 de outubro de 2019. 
  21. "Heredeiros da Crus visitarán Bilbao, Barcelona, Madrid e Ponferrada en febreiro". Galicia Confidencial. 12 de xaneiro de 2017. Consultado o 11 de outubro de 2019. 
  22. "Heredeiros pon fin a 6 anos de silencio discográfico con 'Derretidos'". Sermos Galiza. 6 de outubro de 2019. Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2019. Consultado o 11 de outubro de 2019. 
  23. "El cantante de Heredeiros da Crus sufre un accidente cerebrovascular en pleno concierto". La Voz de Galicia (en castelán). 2022-08-29. Consultado o 2022-08-30. 
  24. Novás, G. (2022-09-06). "Heredeiros da Crus cancela todos sus conciertos «como mínimo» hasta final de año". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2022-09-06. 

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas