Filla de antigos escravos, foi a máis nova de trece irmáns. O seu pai, Henry McDaniel, loitou na guerra civil americana e a súa nai, Susan Holbert, era cantante de música relixiosa. Tras participar no espectáculo do seu irmán Otis, comezou a destacar a partir de 1920, aparecendo no grupo Melody Hounds do profesor George Morrison. A mediados da década comezou tamén unha carreira como cantante na radio.
Tralo crac de 1929 o único traballo que atopou foi o de limpadora e camareira no Club Madrid en Milwaukee. Alí puido finalmente volver subir ao escenario. En 1931 marchou aos Ánxeles para reunirse cos seus irmáns Sam, Etta e Orlena, mais só puido traballar como cociñeira e asistenta ata que o programa de radio no que estaba o seu irmán Sam, The Optimistic Do-Nut Hour, a contratou como actriz. Interpretaba a "Hi-Hat Hattie", unha criada mandona que adoita “esquecer o seu sitio”. O programa chegou a ser moi popular, pero o seu salario era tan baixo que tiña que continuar traballando de asistenta.
Debutou no cinema en The Golden West (1932) e en 1934 ingresou na Screen Actors Guild (SAG), recibindo cada vez máis atención e papeis máis longos. Porén, tamén recibiu críticas da comunidade negar polos papeis que aceptaba e pola súa decisión de buscar traballos de forma agresiva.
A busca da actriz para interpretar a Mammy en Foise co vento estaba a ser case tan intensa como a de Scarlett O’Hara, e mesmo Eleanor Roosevelt escribiu a David O. Selznick para que contratase a súa asistenta, Elizabeth McDuffie.[1] McDaniel non tiña esperanzas pola súa reputación como actriz cómica, pero foi á audición vestida de criada e conseguiu o papel.[2] A estrea do filme foi o 15 de decembro de 1939 en Atlanta e os actores negros foron excluídos do acto, dos programas e dos carteis. Selznick intentou que lle permitisen a asistencia a McDaniel, pero a Metro-Goldwyn-Mayer desaconsellouno por mor das leis de segregación de Xeorxia. Clark Gable, amigo de McDaniel, ameazou con boicotear a estrea se ela non ía, pero McDaniel convenceuno de que asistise de todas as formas.[2]
McDaniel gañou o Óscar á mellor actriz secundaria por este papel, converténdoa na primeira persoa negra en gañar un Oscar (e mesmo a primeira en ser candidata). Porén, na cerimonia tivo que sentar separada, nunha mesa para dúas persoas, apartada do resto do equipo do filme e dos membros da industria.[3]
Durante os anos seguintes, McDaniel continuou traballando no cinema, na radio e na televisión, chegando a ser a primeira persoa negra que protagonizou o seu propio programa de radio, a comedia Beulah. O programa pasou en 1951 á televisión, pero foi controvertido e mesmo o exército dos Estados Unidos deixou de emitilo en Asia porque moitos soldados consideraban que perpetuaban estereotipos raciais negativos, que non tiñan que ver coas habilidades das tropas negras para levar a cabo as súas misións.[4] Despois de rodar uns poucos episodios a McDaniel diagnosticáronlle cancro de mama e tivo que ser substituída na serie. Faleceu en 1952 aos 57 anos.
No seu testamento McDaniel escribiu que desexaba ser enterrada no Hollywood Cemetery,[5] pero o cemiterio rexeitouna pola súa raza, polo que foi soterrada na súa segunda opción, o Angelus-Rosedale Cemetery. En 1999 Tyler Cassidy, novo dono do Hollywood Cemetery ofreceu mover os seus restos ao cemiterio, pero a súa familia declinou a oferta. Porén, construíuse un gran cenotafio que se converteu nunha atracción turística.[6]
↑W. Burlette Carter, "Finding the Oscar", pp. 115–16, citing Photograph of Guests at 12th Academy of Motion Picture Arts & Sciences Awards Banquet (1939) in Margaret Herrick Library, Special Collections
↑Milton A. Smith, "Offensive to GIs, Banned: Army Drops ‘Beulah’ Show Taken Off Air After Fighters Complain", Balt. Afro-American, 17 de febreiro de 1951
↑Associated Press, First black to win Oscar to get part of final wish, The Frederick Post, Frederick, MD, Monday, 25 de outubro de 1999.