O Handley Page Halifax foi un bombardeiro pesado británico usado na segunda guerra mundial. O seu deseño procedía dunha especificación de 1936 que levaría tamén ao Manchester. Voou por primeira vez o 24 de setembro de 1939 e entraría en servizo en novembro de 1940. Non foi tan famoso como o seu contemporáneo Lancaster, pero tamén foi un bombardeiro nocturno moi importante para a RAF. Permaneceu en servizo ata o final da guerra facendo máis labores ademais do bombardeo e operou tamén coa Royal Australian Air Force, Royal Canadian Air Force, Royal New Zealand Air Force, Royal Pakistan Air Force e a Polish Air Force.
A produción total de Halifax foi de 6.178 exemplares, sendo oderradeiro avión entregado en abril de 1945. Ademais de Handley Page, os Halifax foron fabricados por English Electric, Fairey Aviation e Rootes Motors en Lancashire e polo London Aircraft Production Group. No seu momento máis álxido de produción chegouse a completar un avión por hora.
Servizo operacional
O Halifax entrou en servizo co escuadrón Núm. 35 da RAF na base RAF Linton-on-Ouse en novembro de 1940, e a súa primeira incursión operacional foi contra Le Havre na noite do 11 ao 12 de marzo de 1941.
En servizo co Mando de Bombardeiros da RAF, o Halifax realizou 82.773 operacións, lanzando 224.207 toneladas de bombas e perdendo 1.833 avións. Ademais das misións de bombardeo, o Halifax serviu como remolcador de planadores, avión de guerra electrónica para o No. 100 Group RAF, e en operacións especiais como lanzar en paracaídas a axentes ou armas na Europa ocupada. Os Halifax tamén operaron no Servizo Costeiro da RAF en guerra anti-submarina, recoñecemento ou como avión meteorolóxico. Tras a guerra, o Halifax permaneceu en activo co Servizo Costeiro e o Mando de Transporte da RAF, na Real Forza Aérea Exipcia e na Armée de l'Air ata principios de 1952. A Forza Aérea Paquistaní, que herdou os avións da RAF, continuou usándoos ata 1961.
Varios Halifax C.8 da RAF foron vendidos en 1945 e usados como cargueiros por algunha aeroliñas, principalmente británicas. En 1948, o mercado aéreo de carga estaba en declive, pero 41 avións foron usados na ponte aérea de Berlín, realizando 4.653 saídas de carga e 3.509 levando gasóleo a granel. Nove aparellos perdéronse durante a ponte aérea, e a medida que os avións regresaban a Inglaterra fóronse descartando. O último Halifax civil retirouse do servizo a finais de 1952.