Habilidade excepcional de cálculo

A habilidade excepcional de cálculo é unha condición específica de desenvolvemento mental, na que a capacidade de realizar cálculos matemáticos é significativamente superior á capacidade de aprendizaxe xeral e ao rendemento promedio escolar en matemáticas.[1] Esta condición, tamén coñecida como hipercalculia, pode manifestarse en individuos con trastorno do espectro autista (TEA) ou noutros grupos e pode adquirirse mediante adestramento, até certo grao, ou representar unha forma específica de habilidade savant, onde o individuo presenta capacidades matemáticas extraordinarias que non son consistentes co seu nivel xeral de intelixencia.[2]

Un estudo de neuroimaxe realizado en 2002 nun neno con hipercalculia suxeriu un aumento do volume cerebral no lobo temporal dereito. As exploracións SPECT en serie revelaron hiperperfusión sobre as áreas parietais do lado dereito durante as tarefas aritméticas.[3]

Orixe e terminoloxía

O termo "hipercalculia" en lingua inglesa (hypercalculia) é unha combinación do prefixo grego antigo hyper- ("ὑπέρ", que significa "sobre" ou "máis que")[4] e -calculia, derivado do latín "calculus", que significa "pedra", en referencia ás pedras utilizadas nos ábacos para realizar cálculos.[5][6][7]

O termo ten equivalentes noutras linguas, como en castelán ("hipercalculia") ou na lingua rusa ("Гиперкалькулия").

En galego, o termo é pouco utilizado e non aparece en fontes normativas como o DRAG, o bUSCatermos ou o DGTM,[8] e tampouco en dicionarios de galego reintegrado ou de portugués, mais neste artigo emprégase como sinónimo de habilidade excepcional de cálculo nas condicións descritas.

Perfís de habilidades matemáticas en persoas autistas

Algúns nenos teñen habilidades lingüísticas ou matemáticas excepcionais, pero raramente en ambas á vez. Os nenos autistas tamén poden ter estas habilidades, algúns son chamados 'sabios' ou savant. Un exemplo destacado é unha nena de trece anos estudada por Pacheva, Panoy, Gillberg e Neville, que demostrou habilidades excepcionais de hipercálculo e tamén de hiperlexia (habilidade sobresaínte para a lectura) e de hiperemnesia (para a memorización).[9]

Entre os nenos con TEA, existen diferentes perfís de habilidades lectoras e matemáticas. Un estudo publicado en 2014 identificou catro perfís principais: alto rendemento, hiperlexia, hipercalculia e baixo rendemento. Este estudo indicou que aproximadamente o 20% dos nenos autistas mostraban habilidades excepcionais de cálculo, unha taxa significativamente superior á da poboación xeral, e sinalou que o perfil de rendemento do TEA en relación á hipercalculia é ás veces ignorado nos ámbitos académicos.[10]

Hai un debate en curso sobre a causa da hipercalculia asociada a outras habilidades dos nenos sabios ou savant. Algúns investigadores teorizan que as tendencias obsesivas poden provocar que os individuos afectados presten máis atención a certos aspectos das súas vidas.[3] As persoas con autismo ás veces concentran gran parte do seu tempo, enerxía e atención en horarios ou rutinas, cálculos do calendario, números ou contas e/ou música.[11]

Outros investigadores especulan que as persoas con tendencias savant poden usar diferentes áreas do cerebro mentres procesan asuntos relacionados coas súas capacidades superiores. Entre outros argumentos para o debate están as hipóteses sobre os procesos neuronais e as capacidades de almacenamento da memoria de traballo.[3]

Wallace refírese ás veces a estes individuos como "sabios matemáticos" ou "sabios aritméticos". Na súa experiencia, as persoas con esta capacidade acostuman preferir unha especie de método de fragmentación ou segmentación. As súas inclinacións tenden a empurralos a dividir as cousas máis grandes en cousas máis pequenas como números ou ecuacións. Estes datos levaron a G. L. Wallace a investigar "sabios dos números primos", que poden calcular a descomposición dun número nos seus factores primos dividindo o número unha e outra vez varias veces.[12]

Comportamento dos nenos con capacidades intelectuais de alto rendemento

Hai cinco tipos diferentes de trastornos que foron etiquetados baixo o trastorno do espectro do autismo. Segundo o Diagnostic and Statistical Manual of Mental Disorders, DSM-IV ("Manual de diagnóstico e estatística dos trastornos mentais", 4ª edición), os cinco tipos diferentes de trastornos do espectro autista están enumerados como: trastorno autista, trastorno de Asperger, trastorno desintegrativo da infancia, trastorno de Rett e trastorno xeneralizado do desenvolvemento, non especificado doutro xeito (PPD-NOS).[13]

Nun estudo de 2013 observouse o comportamento dos nenos do espectro autista que presentaban capacidades intelectuais altas. Comparouse o comportamento destes nenos co dos nenos cun estado intelectual normal. A investigación mostra que estes nenos tenden a interiorizar os seus problemas. Investigacións posteriores suxiren que esta interiorización débese a trastornos lingüísticos e sociais. Moitos nenos do espectro autista con diferentes habilidades sabias ou savants, como hipercalculia, hiperlexia e hipermnesia semántica, tendían a interiorizar os seus problemas. Estes nenos tiñan máis probabilidades de experimentar ansiedade, baixa autoestima, perfeccionismo e disputas nas súas vidas sociais. Os seus problemas sociais derivan da retirada en circunstancias sociais e da falta de vontade de compartir. Moitos destes nenos caeron en dous tipos de trastornos do espectro, o PPD e o trastorno de Asperger. Os resultados mostran que hai pouca diferenza no comportamento dos nenos que se consideran con altos logros nas súas capacidades intelectuais en comparación cos nenos que non son tan dotados intelectualmente.[14]

Adestramento e educación de nenos con habilidades savant

A finais do século XX aumentou a concienciación no sistema educativo sobre o cribado dos nenos autistas, incluídos os nenos autistas con habilidades savant.[15] Acuñáronse algúns termos principais para os nenos sabios. A primeira categoría de savants foi descrita en Londres en 1887 polo doutor John Langdon Down, quen acuñou o termo "idiot sage, idiot savant" (sabio idiota). Este termo aplicábase ás persoas con discapacidades intelectuais significativas que, con todo, posuían habilidades excepcionais en áreas específicas como música, a aritmética, a memoria ou a arte, por citar algunhas. O termo non se emprega actualmente debido ás súas connotacións negativas e á comprensión máis complexa das habilidades dos savants.[16]

O segundo termo "sabio autista" tampouco é sempre axeitado. Só a metade das persoas savant son autistas. A outra metade ten condicións no seu sistema nervioso central por lesións ou outras causas. A síndrome do sabio é o nome máis amplo e preciso para identificar aos nenos con algunha destas capacidades cognitivas.[16]

O adestramento e a educación para individuos con habilidades excepcionais de cálculo dependen da identificación temperá destas habilidades e da provisión de recursos axeitados que poidan axudar a desenvolver o seu potencial. Programas educativos adaptados e apoio especializado en ambientes educativos poden proporcionar o contexto necesario para mellorar estas habilidades mentres se abordan outras posibles dificultades de aprendizaxe ou sociais.[17] A concienciación sobre a síndrome savant aumentou, pero o escaso número de afectados dificultou a busca de recursos educativos para cubrir as súas necesidades.

Para o beneficio dos estudantes, os educadores deben ter en conta que, aínda que estes nenos teñen habilidades en determinadas áreas e mesmo son capaces de realizar cursos para superdotados, poden parecer groseiros ou irrespectuosos cos compañeiros e profesores porque non sempre dominan as regras de comunicación e claves sociais básicas.[15] Nalgúns casos, os nenos con talento matemático poden exhibir unhas capacidades de cálculo sobresaíntes, pero non son capaces de canalizalas na súa vida diaria, provocando unha desconexión entre as súas habilidades e situacións prácticas.[15]

Adestramento en hipercalculia en individuos non afectados por autismo

A hipercalculia pode non ser sempre só para aqueles con habilidades sabias. Usando intelixencia artificial inversa, os teóricos suxiren unha forma de emular as computadoras nos cálculos matemáticos.[18]

Notas

  1. Boucher, Jill M. (2017). Autism Spectrum Disorder. Characteristics, Causes and Practical Issues. Thousand Oaks, California: SAGE. p. 284. ISBN 978-1-47398699-2. 
  2. González-Garrido; Andrés Antonio; et al. (November–December 2002). "Hypercalculia in savant syndrome: central executive failure?" 33 (6). Elsevier: 586–589. PMID 12505107. doi:10.1016/S0188-4409(02)00404-6. 
  3. 3,0 3,1 3,2 González-Garrido; Andrés Antonio; et al. (November–December 2002). "Hypercalculia in savant syndrome: central executive failure?" 33 (6). Elsevier: 586–589. PMID 12505107. doi:10.1016/S0188-4409(02)00404-6. 
  4. "ὑπέρ" (en inglés). 2023-02-08. 
  5. "cálculo". Dicionario da Real Academia Galega. Consultado o 2023-06-20. 
  6. Calcular ten a mesma raíz etimolóxica que os cálculos renais ou nefrólitos.
  7. "CALCULAR". Etimologías de Chile (en castelán). Consultado o 2023-06-20. 
  8. Diccionario galego de termos médicos (PDF). Dirección Xeral de Política Lingüística. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de novembro de 2021. Consultado o 20 de xuño de 2023. 
  9. Pacheva, Iliyana; Panov, Georgi; Gillberg, Christopher; Neville, Brian (2014). "A Girl with Tuberous Sclerosis Complex Presenting with Severe Epilepsy and Electrical Status Epilepticus During Sleep, and with High-Functioning Autism and Mutism" 27 (2): 88–95. ISSN 1543-3633. PMID 24968009. doi:10.1097/WNN.0000000000000026. 
  10. Wei, Xin; Christiano, Elizabeth RA (2015-02-01). "Reading and math achievement profiles and longitudinal growth trajectories of children with an autism spectrum disorder" 19 (2). SAGE: 200–210. PMID 24449604. doi:10.1177/1362361313516549. 
  11. Allman, Melissa J.; Pelphrey, Kevin A.; Meck, Warren H. (2012). "Developmental neuroscience of time and number: implications for autism and other neurodevelopmental disabilities" 6: 7. ISSN 1662-5145. PMC 3294544. PMID 22408612. doi:10.3389/fnint.2012.00007. 
  12. Wallace, Gregory L. (2008-10-14). "Neuropsychological Studies of Savant Skills: Can They Inform the Neuroscience of Giftedness?" 30 (4): 229–246. ISSN 0278-3193. doi:10.1080/02783190802363901. 
  13. Faras Hadeel; Al Ateeqi Nahed; Tidmarsh Lee (2010-07-01). "Autism spectrum disorders" 30 (4): 295–300. PMC 2931781. PMID 20622347. doi:10.4103/0256-4947.65261. 
  14. Guénolé, Fabian; Louis, Jacqueline; Creveuil, Christian; Baleyte, Jean-Marc; Montlahuc, Claire; Fourneret, Pierre; Revol, Olivier (2013-07-10). "Behavioral Profiles of Clinically Referred Children with Intellectual Giftedness" 2013. doi:10.1155/2013/540153. 
  15. 15,0 15,1 15,2 Donnelly, Julie A.; Altman, Reuben (1994). "The autistic savant: Recognizing and serving the gifted child with autism" 16 (4): 252–256. doi:10.1080/02783199409553591. 
  16. 16,0 16,1 Treffert, Darold A. (2009-05-27). "The savant syndrome: an extraordinary condition. A synopsis: past, present, future" 364 (1522): 1351–1357. PMC 2677584. PMID 19528017. doi:10.1098/rstb.2008.0326. 
  17. Donnelly, Julie A.; Altman, Reuben (1994-06). "The autistic savant: Recognizing and serving the gifted student with autism". Roeper Review (en inglés) 16 (4): 252–256. ISSN 0278-3193. doi:10.1080/02783199409553591. 
  18. Lemaire, Alexis; Rousseaux, Francis (2009-09-01). "Hypercalculia for the mind emulation" 24 (2): 191–196. ISSN 1435-5655. doi:10.1007/s00146-009-0187-4. 

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos