O gurumelo[2] ou silarca[3] (Amanita ponderosa) é un cogomelo co chapeu hemisférico e abrancazado cando é novo e aplanado e apardazado na madureza, co pé groso, de cor máis clara e cunha volva ampla. A carne tínguese de rosa en contacto co ar ou ao tocala[4]. Trátase dun fungo basidiomiceto comestíbel moi apreciado, endémico da zona central e oeste de Andalucía, especialmente en Huelva e o sur da Estremadura (España) e no Alentexo (sur de Portugal).
Etimoloxía
Crese que o nome empregado na zona onde abunda: gurumelo ou churumelo, procede da deformación da propia palabra galego-portuguesa: cogumelo.[5] O nome de silarca é coincidente co portugués.
Descrición
Volva grande, abolsada e de longa duración. Pé compacto, denso e macizo que se baleira coa maduración do cogomelo. O chapeu é hemisférico na súa etapa nova, evoluíndo á convexidade e posteriormente a plano conforme madurece, cun diámetro que oscila entre os 6 e 18 cm. Algúns exemplares, de forma excepcional, superaron os 20 cm e 1 kg de peso. Cutícula branca que se modifica en tons ocres e rosáceos dependendo do sollado. Lamas pretas, libres e de cor branca cremosa que tenden a se escurecer co tempo. A súa carne é branca, mesta e compacta, que se arroiba axils ao corte e cun cheiro característico a terra mollada, que facilita a súa identificación.
Hábitat
É unha especie endémica do suroeste da Península Ibérica. Cogomelo de primavera. Tradicionalmente en zonas de aciñeiras e sobreiras entre estevas e carpazas. Adaptáronse perfectamente ás formacións de piñeiros e ao eucalipto. Huelva, Badaxoz, Cáceres, Córdoba e a Serra Norte de Sevilla son as provincias españolas de máxima produtividade, mais tamén se atopou en devesas de aciñeira nas abas de Gredos, nas montañas de Sicilia, Peloritanos.
Especies semellantes
Para a persoa inexperta existe o perigo de confusión coa perigosa cacaforra da morte (Amanita phalloides) na súa variedade branca; aínda que se se repara na súa forma, cheiro e textura, son moi distintas. A Amanita verna, que é de cor branca, medra nos mesmos sitios e na mesma época cá Amanita ponderosa.
Unha característica moi distintiva do gurumelo é que, ao rabuñar a súa superficie, adquire unha cor rosada moi característica.
Malia posuír unha calidade culinaria alta, recoméndase que a Amanita ponderosa non sexa colleitada por persoas que non coñezan perfectamente esta especie.
Recolección
Para a colla deste cogomelo utilízase un pico con forma de caxato que acaba cunha punta plana para facilitar escarvar na terra, e utilízase unha canastra de vimbio para botalos e que se vaia limpando a terra conforme vas recollendo máis cogomelos. Estes cogomelos pódense atopar tanto debaixo do chan como co seu chapeu fóra. Para o tirar da terra débese escarvar nun dos lados onde se atope o gurumelo, até que o buraco chegue aproximadamente ao final do talo, e logo facer panca co pico dende o lado oposto.
Comestibilidade
O gurumelo é un cogomelo comestíbel catalogado como de excelente calidade. Nas zonas de produción é considerado como un manxar. Á brasa cuns grans de sal, e unhas follas de poexo manifesta a magnificencia do seu sabor. Revoltos con allo e ovo, en potaxe de fabas con perdiz, asados e picados en ensalada, guisados cun pouco viño soleira e como calquera afeccionado ou profesional da cociña poida imaxinar, é un produto que mellorará todos os xantares.
Gastronomía
É un prato típico do Andévalo (Huelva) e de toda a Serra de Aracena e picos de Aroche en xeral; así como de Villanueva del Fresno (Badaxoz) e de Valencia del Mombuey (Badaxoz).
En Paymogo, localidade do Andévalo de Huelva, celébrase anualmente a Feira Gastronómica do Gurumelo, ao ser un produto propiamente típico de devandita localidade, podendo ser degustado en diferentes pratos. É un manxar moi demandado e de alto valor. Tamén se celebra anualmente, desde 2007, a xornada transfronteiriza do gurumelo na localidade de Villanueva del Fresno, provincia de Badaxoz, moi achegada a Portugal.
Notas
Véxase tamén