O Alentexo[1][2][3] (en portugués: Alentejo) é unha rexión (NUTS II) portuguesa. Abrangue unha área de 31.152 km² (o 33% do territorio continental portugués) e ten unha poboación de 770.265 habitantes (o 8% da poboación continental portuguesa). A rexión propiamente dita de Alentejo (sen Lezíria do Tejo) ten 511.157 habitantes e unha área de 27.276 km².
A división actual non coincide coa antiga rexión tradicional do Alentexo (que non constituía unha provincia por si, aínda que o Alentexo era considerado como a unión das dúas provincias do Alto e Baixo Alentexo), a cal era lixeiramente menor que a actual: incluía apenas os distritos de Évora e Beja (na súa totalidade), case todo o distrito de Portalegre (agás o concello de Ponte de Sôr, que formaba parte do Ribatexo), e a metade sur do de Setúbal (os concellos dese distrito que forman parte da actual rexión do Alentexo Litoral, a saber: Alcácer do Sal, Grândola, Santiago do Cacém e Sines).
O seu topónimo fai referencia aos terreos situados máis alá do río Texo.
Xeografía
O Alentexo é unha rexión cun relevo baixo, formada por solos ácidos, e cun clima mediterráneo con influencia oceánica. Nas súas devesas crecen a meirande parte das sobreiras de Portugal, que fan deste país o primeiro produtor mundial de cortiza con preto do 50% da produción total[Cómpre referencia]. Tamén foi a última rexión portuguesa na que viviu o lince ibérico.
As súas costas están pouco urbanizadas a causa do forte vento que vén do océano, o cal favorece a formación de grandes sistemas dunares.