Gregg Wesley Toland, nado en Charleston, Illinois, o 29 de maio de 1904 e finado nos Ánxeles o 28 de setembro de 1948, foi un director de fotografía estadounidense, coñecido polo seu uso innovador da iluminación e técnicas como a profundidade de campo.
En 2003 International Cinematographers Guild votou a Toland como un dos dez directores de fotografía máis influentes da historia xunto con James Wong Howe, Gordon Willis, Sven Nykvist, Vittorio Storaro e Vilmos Zsigmond.[1][2]
Traxectoria
Toland naceu en Charleston, Illinois, fillo de Jennie, unha ama de chaves, e Frank Toland. A súa nai mudouse a California varios anos despois de que os seus pais se divorciasen en 1910.
Toland demostrou por primeira vez o seu estilo de clarescuro con luz lateral na curtametraxe The Life and Death of 9413: a Hollywood Extra (1928), en que unha das dúas bombillas de 400 W que tiñan dispoñibles se queimou, deixando só unha bombilla para iluminar.
Durante a década de 1930, Toland converteuse no camarógrafo máis novo de Hollywood, mais axiña tamén pasou a ser un dos máis solicitados. Durante un período de sete anos (1936–1942), foi candidato en cinco ocasións ao Óscar á mellor fotografía, gañándoo por Wuthering Heights. Traballou con moitos dos grandes directores da época, incluídos John Ford, Howard Hawks, Erich von Stroheim, King Vidor, Orson Welles e William Wyler.
Dous dos seus traballados máis destacados foron The Long Voyage Home e Cidadán Kane. En ambos os filmes, os directores John Ford e Orson Welles acreditaron a Toland en pantalla ao mesmo tempo e no mesmo tamaño que a súa acreditación como directores, un tributo pouco habitual.
Cando Franklin Delano Roosevelt creou a Office of the Coordinator of Information (predecesora da Office of Strategic Services e da Central Intelligence Agency) antes da entrada dos Estados Unidos na segunda guerra mundial, Toland foi recrutado para traballar na unidade cinematográfica da axencia.[3] Toland foi nomeado tenente no departamento de cámara da mariña, para o que realizou o seu único traballo como director, December 7th: The Movie (1943); este documental sobre o ataque a Pearl Harbor codirixido por John Ford é tan realista que foi tomado por imaxes reais do ataque. A versión de 20 minutos do filme (orixinalmente, de 82 minutos) gañou o Óscar á mellor curtametraxe documental.[4]
Toland faleceu mentres durmía o 28 de setembro de 1948, por mor dunha trombose coronaria aos 44 anos. Está enterrado no Hollywood Forever Cemetery de Hollywood, California.[5][6]
Filmografía
Premios e candidaturas
- Premios Óscar
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas