O grande intercambio americano foi un importante acontecemento paleozooxeográfico en que a fauna terrestre e dulciacuícola emigrou de América do Norte a través de Centroamérica cara a América do Sur e viceversa, como resultado do xurdimento do istmo de Panamá entre as metades boreal e austral do actual continente americano, que até aquela eran continentes separados. Esta migración masiva culminou hai aproximadamente tres millóns de anos, na primeira metad do plioceno superior.
Este evento significou a interacción da rexión biogeográfica Neotropical (América do Sur) e a Neártica (América do Norte) para formaren definitivamente o conxunto bioxeográfico das Américas.
O intercambio de especies faise visíbel a partir da observación dos estratos xeolóxicos e do atento estudo da fauna de ambos os subcontinentes. O seu efecto foi máis importante sobre a distribución dos mamíferos, pero tamén deu unha oportunidade única para expandirse a aves, artrópodos, réptiles, anfibios e incluso permitiu a migración de peixes de auga doce entre ambos os subcontinentes.
Os intercambios foron advertidos por primeira vez polo chamado pai da bioxeografía, Alfred Russel Wallace. Entre 1848 e 1852, Wallace dedicouse a explorar e recoller mostras e espécimes na conca do Amazonas.
Intercambios similares ocorreron a principios do cenozoico, cando as masas de terra anteriormente illadas da India e África entraron en contacto con Eurasia hai 50 e 30 millóns de anos, respectivamente.