Gran Consello dos Crees

O Gran Consello dos Crees (GCC), (en cree: ᐃᔨᔨᐤ ᐊᔅᒌ, Eeyou Istchee), é un consello tribal que representa e goberna nove comunidades crees no norte do Quebec (Canadá), dúas comunidades máis integran a organización pero o seu status non se confirmou legalmente[1]. Os membros electos do Gran Consello dos Crees son os mesmos que os do Goberno da Nación Cree. Dende 2017, un acordo sobre a gobernanza da nación cree que asinaron o goberno canadense e os crees de Eeyou Istchee garante a este último o autogoberno e un goberno responsable. A súa sede está en Nemaska.

Historia

O Gran Consello dos Crees creouse en 1974 como consecuencia do conflito que se orixinara en abril de 1971 entre os cree e o goberno quebequés por mor do proxecto hidroeléctrico da baía de James ao anunciar as autoridades do Quebec a súa intención de desenvolver o potencial hidráulico dos ríos da rexión. Antes de 1974 os crees da rexión rexíanse polas súas estruturas políticas tradicionais, de carácter local e que se organizaba para explotar os recursos naturais (caza, pesca). As terras dividíanse en territorios familiares encabezados por un ucimâu.

Entre 1971 e 1974, os crees do Quebec participaron na Asociación dos Indios do Quebec e, como tal, desempeñaron un papel fundamental na oposición dos nativos do Quebec ao proxecto da baía de James. Antes de maio de 1972, o goberno quebequés e Hydro-Quebec consideraban dous proxectos distintos, un centrado no Grande Rivière no norte que ía afectar directamente a vila e mais os terreos de caza de Fort George e outro, o Complexo Nottaway-Broadback-Rupert (NBR) afectaba os ríos do sur onde se sitúan a maioría das localidades crees da rexión.

O Gran Consello dos Crees representou os crees do Quebec durante as negociacións co goberno quebequés e co canadense sobre a realización do proxecto hidroeléctrico e sobre o recoñecemento dos seus dereitos como autóctonos sobre das terras da rexión da baía de James e, xa que logo, foi un dos asinantes en novembro de 1975 da Convención da baía de James e do norte quebequés.

En 2002 tras anos de litixios xudiciais o Gran Consello dos Crees e o goberno quebequés asinaron un acordo coñecido como La Paix des Braves que supuxo unha nova era de colaboración e unha nova relación de nación a nación entre os crees e o Quebec[2], dunha duración de tres anos o acordo conta con tres obxectivos: desenvolvemento económico e comunitario dos crees, resolver os litixios entre os crees e o goberno quebequés e posta en valor dos recursos naturais do territorio cree[3].

O Goberno da Nación Cree

O Goberno da Nación Cree (ᐄᓅᑎᐯᔨᐦᒋᒉᓲ, ᐄᔨᔫᑎᐯᔨᐦᒋᒉᓲ, Cree Nation Government, Gouvernement de la nation crie) formouse en 1978 co nome de Autoridade Rexional Cree e serve como a autoridade administrativa da Nación Cree de Eeyou Istchee e fornece programas e servizos ás comunidades. O goberno é responsable pola protección ambiental e é tamén o corpo legal que representa á nación na administración provincial e federal.

Malia o Goberno da Nación Cree e o Gran Consello dos Cree seren entidades xurídicas diferentes teñen a mesma composición, o mesmo órgano de administración, as mesmas estruturas gobernativas e de feito a Nación Cree trátaas na súa xestión como unha única entidade[4].

O 24 de xullo de 2012 adoptou o seu actual nome[5] e conta con 309 empregados.

Forza Policial Eeyou Eenou

A Forza Policial Eeyou Eenou opera so a administración do Goberno da Nación Cree e conta con destacamentos locais nas nove comunidades que legalmente integran o goberno cree, a súa sede central está en Chisasibi[6].

Comunidades

O Gran Consello dos Crees reúne legalmente nove comunidades, pero dúas máis integran os organismos da institución.

  1. Chisasibi
  2. Eastmain
  3. Mistissini
  4. Nemaska
  5. Oujé-Bougoumou[7]
  6. Waskaganish
  7. Whapmagoostui
  8. Waswanipi
  9. Wemindji
Legalmente non integradas
  1. Washaw Sibi[8]
  2. MoCreebec (Ontario)[9]

Gran xefe

  • 1974 a 1984 : Billy Diamond
  • 1984 a 1987 : Ted Moses
  • 1987 a 1999 : Matthew Coon Come
  • 1999 a 2005 : Ted Moses
  • 2005 a 2009 : Matthew Mukash
  • 2009 a 2017 : Matthew Coon Come
  • 2017 a 2021 : Abel Bosum
  • 2021 -  : Mandy Gull-Masty [10]

Notas

  1. "Election of leadership and representation". cngov.ca. 
  2. Papillon, Martin (2007). "Fragmentation ou reconfiguration ? La citoyenneté à l'heure de la nouvelle gouvernance autochtone au Québec". En Jenson, Jane; Remacle, Eric; Marques Pereira, Bérengère. L'état des citoyennetés en Europe et dans les Amériques. PUM. p. 267. 
  3. Benzile, Germain (2002). "L'entente avec les cries. Une évaluation économique". En Côté, Roch. L'annuaire du Québec. Les Editions Fides. p. 439. 
  4. "Grand Conseil des Cris (Eeyou Istchee)/Gouvernement de la Nation Crie". cngov.ca. 
  5. Agreement on Governance in the Eeyou Istchee James Bay Territory Between the Crees of Eeyou Istchee and the Gouvernement du Québec (PDF). 2012. p. 12. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de agosto de 2017. Consultado o 05 de marzo de 2022. 
  6. Bergeron, David. "Public Inquiry Commission on relations between Indigenous People and certain services in Quebec: listening, reconciliation and progress - Commission d’enquete sur les relations entre les Autochtones et certains services public Quebec" (PDF). 
  7. Integrouse en 1993: David Lessard "Les aspirations pour l'avenir des jeunes cris de la baie James" in Martin Goyette, Céline Bellot, Annie Pontbriand (2011) Les transitions a la vie adulte des jeunes en difficulte: concepts, figures et pratiques, páx. 156
  8. A nación cree de Washaw Sibi é unha comunidade cree que vive esparexida en localidades non cree, principalmente en Amos e Pikogan aínda que hai plans para construír unha comunidade propia
  9. É unha comunidade que vive en Moose Factory (Ontario), sen status formal ningún e sen terras, formada por crees orixinarios de Eeyou Istchee, diferentes dos cree de Ontario
  10. "Mandy Gull-Masty, première femme élue grande cheffe des Cris du Québec". Radio Canada. 30 de xullo de 2021. 

Véxase tamén

Ligazóns externas