O Goberno de Navarra ou Deputación Foral de Navarra (en castelán: Gobierno de Navarra; en éuscaro: Nafarroako Gobernua) é a institución de carácter executivo en que se organiza o autogoberno da Comunidade Foral de Navarra (España). Os seus poderes quedaron regulados no Amelloramento de 1982 no seu Capítulo III Art. do 23 ao 28.
A pesar da dobre denominación da institución, é a primeira a que se emprega actualmente, isto permite distinguila da antiga Deputación Provincial existente ata 1982 que tiña carácter de corporación local, mentres que esta ten carácter de órgano executivo.
O Amelloramento asígnalle a función executiva, regulamentaria e administrativa e a de velar especialmente pola defensa da integridade do réxime foral de Navarra, debendo dar conta ao Parlamento de Navarra de calquera contraforo que puidese producirse.
Así mesmo a figura do Presidente do Goberno de Navarra está establecido no Capítulo IV Art. 29 e 30, é elixido polo Parlamento de Navarra, designa e separa aos demais membros do Goberno e ostenta a máis alta representación da Comunidade Foral e a ordinaria do Estado en Navarra. Pode cesar se o Parlamento aproba unha moción de censura ou se lle denega a súa confianza.
Presidentes
Desde as primeiras eleccións democráticas de 1979 houbo dous presidentes de UCD na Deputación Foral de Navarra. Posteriormente, o Goberno de Navarra tivo dous presidentes do PSN e tres de UPN. Actualmente a presidenta é de Geroa Bai.