Glándula gástrica

Glándula fúndica
Sección transversal de dúas glándulas gástricas ou fúndicas que desembocan nunha foveola ou fosiña gástrica.
Latín glandulae gastricae
Gray's pág.1166
Dorlands/Elsevier 12391406

As glándulas gástricas tamén chamadas glándulas fúndicas ou glándulas oxínticas[1] (glandulae gastricae na terminoloxía anatómica en latín) son glándulas finas de forma tubular que se encontran na mucosa gástrica en posición perpendicular, e que desembocan noutros entrantes da mucosa chamados foveolas gástricas, as cales á súa vez se abren á superficie luminal do estómago. En cada foveola desembocan normalmente tres ou catro glándulas gástricas; ás veces ata sete. Son numerosas: uns 15 millóns en toda a mucosa, que desembocan en 3,5 millóns de foveolas. A función das glándulas gástricas é segregar os zumes gástricos (ácido, encimas), moco e certas hormonas. As glándulas gástricas encóntranse na mucosa do corpo e do fondo do estómago (na zona do cardia e do píloro hai outras glándulas diferentes, chamadas glándulas cardíacas e pilóricas). As glándulas gástricas están moi xuntas unhas das outras, separadas entre si por unha fina lámina propia ou algunhas fibras musculares lisas. Esténdense por todo o espesor da mucosa, polo que teñen entre 0,3 e 1,5 mm de profundidade, e un diámetro de 30 a 50 microns cunha luz moi estreita. O seu extremo distal é cego e adoita estar ensanchado, retorto ou dividido en ramas. A glándula gástrica divídese en tres zonas chamadas istmo, colo e fondo.[1][2]

Histoloxía

Nas distintas zonas da glándula atopamos diferentes tipos celulares que producen moco, ácido clorhídrico, encimas dixestivos e hormonas. As células produtoras de hormonas (serotonina, gastrina; tamén histamina) están espalladas por calquera parte da glándula. O final da foveola gástrica (ou fosiña gástrica) está formado por células foveolares do tipo das células mucosas superficiais similares ás que revisten a superficie da mucosa luminal estomacal. Despois empeza a glándula gástrica, que se divide nas seguintes partes:[1]

  • Istmo. É a parte inicial, que contén células mucosas superficiais produtoras de moco e células parietais (ou oxínticas) produtoras de ácido clorhídrico.
  • Colo. Situado despois do istmo. Formado principalmente por células mucosas do colo produtoras de moco, e por células parietais (oxínticas). Hai unha transición entre as células mucosas superficiais e as células mucosas do colo, polo que estas empezan a aparecer no istmo e son predominantes no colo. A zona do colo é a parte da glándula onde se observan mitoses.
  • Fondo. Parte distal final, onde predominan as células principais ou cimoxénicas produtoras de pepsinóxeno e outros encimas. Pode haber tamén alí células parietais e células mucosas do colo. Nalgunhas glándulas as células mucosas do colo son especialmente abundantes no fondo.

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 D. W. Fawcett. Tratado de Histología. 11ª edición. McGraw Hill-Interamericana. Páxinas 630-632. ISBN 84-7605-361-4.
  2. G. J. Romanes. Cunninham - Tratado de Anatomía. Interamericana-McGrow Hill. Páxinas 447-448. ISBN 84-7605-359-2.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas