Gertrude Ederle naceu en Nova York en 1905, filla de inmigrantes procedentes de Alemaña.[1] Inicialmente non mostrou propensión a nadar:[1] foi á piscina por primeira vez aos nove anos e non tivo adestramento formal ata os quince.[1] Con todo, a pesar da falta de preparación, aos dezasete anos xa tiña resultados notables, como varias marcas nacionais e mundiais en distancias que oscilaban entre as 50 iardas e a media milla, a realización de sete récords nun só día en 1922 e a clasificación para os Xogos Olímpicos.
Nos Xogos de París de 1924 gañou a medalla de ouro co relevo 4 100 m estilo libre estadounidense, ademais de dúas medallas de bronce individuais nos 100 e nos 400 m.
En 1925 nadou 34 km a través da baía de Nova York, dende Manhattan ata Sandy Hook, en 7 horas e 11 minutos, establecendo o novo récord absoluto (masculino e feminino). Tamén tentou cruzar a canle da Mancha ese ano, mais tivo que ser descualificada por ser axudada por un dos adestradores durante un ataque de tose.
Gertrude Ederle quixo intentalo de novo o ano seguinte. O 6 de agosto de 1926, saíu de Cap Gris-Nez, Francia, ás 7:05 horas e chegou nadando a Kingsdown, Inglaterra, despois de 14 horas e 34 minutos,[1] un rexistro que baixou o récord anterior en máis de dúas horas, ata entón en mans do arxentino Enrique Tiraboschi.[2] Era a primeira vez que unha muller nadaba pola canle inglesa. Despois outras mulleres lograron a proeza, mais o seu tempo permaneceu como récord durante 24 anos, ata que en 1950 foi mellorado por Florence Chadwick (a décimo terceira muller que cruzou a canle).
Ao regresar a casa, a fazaña de Gertrude Ederle celebrouse cun desfile en Nova York o 27 de agosto de 1926 e foi recibida polo presidente Calvin Coolidge . En 1927 interpretouse a ela mesma no filme Swim Girl, Swim.[3]
En 1933 unha caída das escaleiras provocoulle feridas graves e tardou anos en recuperarse. Porén, en 1939, conseguiu actuar na Exposición Universal de Nova York. Nos anos 40, Ederle, que padecía problemas auditivos causados polo xarampón dende a infancia, quedou completamente xorda. Retirada da escena pública, dedicouse a ensinar a nadar a nenos xordos.
Dahlberg, Tim. (2009). America's girl : the incredible story of how swimmer Gertrude Ederle changed the nation. Ward, Mary Ederle., Greene, Brenda. (1st ed.). Nova York: St. Martin's Press. ISBN978-0-312-38265-0. OCLC269455470.